Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba esixe ao goberno local mellorar o servizo de atención temperá atendendo ás demandas das familias usuarias

Vilalba, 25 de xaneiro de 2023. O Grupo Municipal Popular de Vilalba esixirá no pleno deste xoves, pola vía de urxencia, mellorar o servizo de atención temperá “do que o goberno local presumía, a pesar de que dende o mes de agosto non o está a prestar de forma continuada nin atende as demandas dos profesionais e das familias para dotar de maior espazo e material”. A concelleira Agustina Fernández lamenta “os prexuízos que supón para os nenos de entre 0 e 6 anos que precisan recibir atención de diversos tipos para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a súa inclusión social” porque “ao perder unha sesión están dando varios pasos cara atrás”. Así mesmo, incide en que “o Concello debe garantir a igualdade de oportunidades e, polo tanto, dispoñer de oferta cultural, deportiva e de lecer para tódolos nenos e nenas de Vilalba”.

Os populares trasladan así as queixas e descontento que lles fixeron chegar “nais e pais que poden ser quizás un grupo minoritario para o equipo de goberno, pero que son tan vilalbeses coma o resto, coa diferenza de que a súa situación é de especial vulnerabilidade”.

Fernández explica que “estas familias ían ao HULA ou outros servizos próximos coma o de Mondoñedo onde recibían un servizo continuo, ininterrompido e de calidade, pero en cuestión de meses os seus fillos deixaron de recibir ese servizo tan vital para eles porque afecta directamente ao desenvolvemento destes nenos e nenas e, polo tanto, non se poden permitir o luxo de perder nin unha soa das súas sesións”.

Nese sentido, lamenta “a falta de sensibilidade do goberno local socialista que non atendeu os problemas relacionados coa prestación do servizo -cambio de persoal aos 6 meses, despedimento de profesionais sen reposición de prazas vacantes quedando reducido o servizo unicamente a atención psicolóxica os venres-, nin á necesidade de ampliar unha aula e material para as sesións ou arranxar a randeeira”. É máis, bota balóns fóra e lávase as mans porque agora o encargado da xestión do servizo da agrupación de Concellos de Vilalba, Guitiriz e Xermade -financiado pola Xunta nun 90%- é o Concello de Xermade”.

“Falta de sensibilidade” atopa a popular tamén “por parte doutras concellerías para as que estes nenos e nenas non existen: nin en actividades culturais, nin deportivas nin de lecer se inclúen de maneira específica nin a estes nenos nin ás súas familias”.

O PP esíxelle ao goberno local ofrecer un servizo de calidade

Os populares agardan que o goberno local acepte debater a súa iniciativa ao tratarse dun asunto con importante repercusión para as familias usuarias. A proposta recolle iniciar o expediente cumprindo coa legalidade vixente para que o Concello de Vilalba:

– cumpra co convenio de colaboración dando un servizo ininterrompido de luns a venres, como así se estipulan nas bases, de xaneiro a outubro, con todos os servizos contemplados no convenio

– cubra con carácter urxente os casos de prazas vacantes incrementando o prezo hora se fose necesario e asumindo o Concello este aumento

– amplíe o servizo coa creación da aula solicitada fai un ano coa maior brevidade posible

– dote ao servizo de atención temperá do material solicitado coa maior brevidade posible

– de aquí en diante inclúa aos nenos e nenas usuarias do servizo nos programas culturais, deportivos e de lecer do Concello

– visualice e garanta a igualdade de oportunidades tanto a estes nenos e nenas como as súas familias creando unha contorna inclusiva e así darlles o lugar que lles corresponde no noso concello

– a concellería dea conta da situación actual do servizo

– e, de aquí en diante, se convoque a Comisión de Servizos Sociais de maneira

periódica para informar sobre o funcionamento do Servizo de Atención Temperá.

Outros asuntos

O Grupo Municipal Popular tamén instará ao goberno local a xestionar a retirada dos niños de velutina de maneira áxil e que firme canto antes o convenio coa Xunta de Galicia nese sentido.

E, en relación ao propio desenvolvemento das sesións plenarias, os populares instan á señora alcaldesa -en base ao articulo 94.1 do RD 2568/1986, do 28 de novembro- a respectar as quendas de intervención dos concelleiros da oposición sen ser interrompidos, así como absterse de censurar o contido das exposicións dos mesmos respectando a liberdade e velando por un debate político xusto e democrático, e respectar o dereito de calquera concelleiro aludido á quenda de alusións. Así o esixen ante as reiteradas interrupcións das intervencións dos concelleiros do Grupo Municipal do PP apagando os sistemas de audio ou poñendo escusas. Pola contra, “si permite continuas interrupcións por parte dos concelleiros socialistas e acusacións fora da súa quenda de intervención, sen que sexan chamados á orde”, indica a portavoz popular.