Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba pide a comparecencia do goberno local sobre as festas de San Ramón e Santa María do pasado ano 2022

Vilalba, 24 de xaneiro de 2023. O Grupo Municipal Popular de Vilalba pide a comparecencia da alcaldesa ou da concelleira de Cultura para explicar minuciosamente os gastos e ingresos das festas patronais de San Ramón e Santa María; así coma dos custes e ingresos individuais de cada actuación.

Así o esixirán no pleno ordinario deste xoves porque cren que “cinco meses despois da súa celebración é tempo de render contas” tendo en conta que “xa preguntabamos no pleno anterior sobre os gastos e ingresos das festas patronais, pero o goberno local botaba balóns fóra”. Posteriormente, os populares solicitaron o expediente completo, pero “a día de hoxe o goberno socialista aínda non remitiu a información” que dende o Grupo Municipal Popular cren que deben expoñer publicamente ao ser o primeiro ano no que asume o Concello a súa organización de forma directa.

A voceira, Sandra Vázquez, lembra que “a menos dun mes para a celebración das festas patronais de Vilalba, os veciños e veciñas non coñecían a programación e tivo que ser o PP, a través dunha moción, o que pedise explicacións ante o escurantismo do goberno socialista”.

Preguntas ao goberno local do PSOE

O Grupo Municipal Popular tamén esixirá ao goberno local explicar cando teñen previsto pagar as subvencións nominativas ás comisións que organizaron as festas das distintas parroquias no pasado ano 2022. Os populares son conscientes da complicada situación económica das comisións de festas que, nalgúns casos, están esperando dende fai case un ano pola axuda que lles corresponde.

Os populares tamén preguntarán sobre os custos da instalación e mantemento da pista de xeo durante o Nadal e os criterios para seleccionar os comercios nos que se distribuían bonos de desconto para a entrada. Tamén esixirán explicacións ao goberno sobre as actuacións de persoal municipal durante o Nadal nas obras da rúa da Pravia que está contratada a unha empresa privada.

Sobre outros anuncios do goberno socialista, os populares preguntarán se son conscientes do despilfarro no parque acuático de formigón e se as obras que se están a acometer coinciden co proxecto previsto. Tamén lembran que o goberno local abría en abril do 2022 un proceso para adquirir unha parcela urbana para a construción dun centro de día, pero quedou deserto. Polo tanto, queren saber se teñen prevista algunha actuación ou se simplemente foi unha cortina de fume electoral.

O Grupo Municipal Popular recordaralle ao goberno do PSOE que foi aprobada en pleno unha iniciativa do PP para que o Concello de Vilalba se adhira ao programa Doing Business e, polo tanto, instarán de novo a adherirse ao programa que ten como obxectivo favorecer o asentamento de empresas.

Sandra Vázquez lembra tamén que, a petición do PP, compareceu no pleno anterior Eduardo Vidal para falar do abandono do auditorio municipal; pero que “nin respondeu ás preguntas formuladas nin se realizaron aínda as obras a pesar de que xa pasou máis dun mes”.

A este abandono das instalacións municipais por parte do goberno local socialista, a popular engade tamén as do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba ou as do pavillón municipal. En relación ao primeiro, os populares preguntaranlle á señora alcaldesa se ten previsto arranxar algún dos problemas físicos e xurídicos nos que sigue inmerso. E, no caso do pavillón de deportes, o Grupo Municipal Popular instará ao Concello de Vilalba a programar e actuar a través dun proxecto viable e necesario para a impermeabilización da cuberta do Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba e evitar o seu deterioro.