Partido Popular de Lugo

Balseiro insiste na necesidade de que o Ministerio elabore un plan de conservación das estradas nacionais

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023. O deputado e portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, reclamou que o Ministerio de Transportes active un plan anual de conservación das estradas de titularidade estatal, a imaxe e semellanza do que xa ten a Xunta de Galicia. Asegura que a Administración central “pode seguir facendo oídos xordos a esta demanda”, pero hai un “clamor xeral”, de usuarios, transportistas e de alcaldes -incluso socialistas- que coinciden en alertar da falta do debido mantemento nas estradas de titularidade do Ministerio.

Balseiro exemplificou esta desatención en situacións como a acontecida coa fochanca que obrigou ao peche parcial da N-642 á entrada de Burela, e asegurou que a xestión desenvolvida polo Ministerio “foi unha chapuza”. “A prioridade dende logo debera ser a conservación e mantemento destas estradas. Porque actuar a tempo é aforrar no futuro. E porque as estradas nacionais son básicas para garantir a mobilidade dos galegos”- concluíu.

O parlamentario mariñán fixo estas declaracións no transcurso da súa intervención, esta tarde no Pleno do Parlamento galego, onde se debatía unha iniciativa dos populares sobre os compromisos pendentes do Goberno de España con Galicia en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias.