Madrid, 23 de xaneiro de 2023. Os deputados populares pola provincia de Lugo no Congreso, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, esixen ao Goberno de Sánchez explicacións en relación ao burato baixo a estrada N-642 que derivou no seu corte ao tráfico entre os quilómetros 41 e 47, no límite entre os municipios mariñáns de Foz e Burela, durante esta fin de semana. Concretamente, os populares trasladan á cámara baixa para que o Executivo responda por escrito “as mesmas preguntas que nos facemos todos os mariñáns: as causas do incidente e as actuacións que vai levar a cabo para recuperar o tránsito normal nunha infraestrutura de vital importancia para A Mariña, sendo a vía de comunicación de infraestruturas básicas coma o Hospital da Costa, o porto de interese xeral de San Cibrao, os portos de Celeiro (Viveiro) e Burela; así coma de gran parte do tecido industrial da comarca”, puntualiza De Olano.
Os populares preguntan se, transcorridas xa 72 horas, o Goberno central pode indicar as causas reais do incidente atribuído nun primeiro momento a unha gran bolsa de auga acumulada á beira da calzada.
Os populares amosan a súa preocupación pola seguridade dos usuarios da vía de titularidade estatal e, polo tanto, tamén preguntan ao Goberno de Sánchez se se procedeu a comprobar que o problema causante do incidente non se vai a repetir noutros puntos da N-642 e se está garantida a seguridade ao longo da estrada ao seu paso pola Mariña lucense. Así mesmo, solicitan resposta ao Executivo sobre as actuacións que van levar a cabo para garantir a seguridade e recuperar o tráfico por esta estrada, “o prazo temporal” previsto polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para solucionar de forma definitiva o problema e para restablecer o tráfico con normalidade.
Os deputados do PP lucense consideran que “o desvío do tráfico polas estradas LU-162, LU-161 e LU-540 supuxo, non só un atraso nas comunicacións de ata hora e media; senón tamén un incremento da perigosidade porque as alternativas propostas son estradas que non están preparadas para un tráfico tan intenso nin para a circulación de vehículos de gran tonelaxe. Tanto foi así que ás poucas horas se procedeu ao peche da estrada LU-P-1502”. Nese sentido, considera o Ministerio que o desvío do tráfico pola LU-101, LU-102 e LU-542 é viable e garante a seguridade dado o trazado destas vías e o volume de tráfico desviado.
REGULACIÓN DO TRÁFICO NO CARRIL ABERTO
Ás 48 horas procedeuse á apertura ao tráfico dun carril da N-642 con regulación semafórica no tramo do sinistro. A este respecto, os populares preguntan ao Executivo se tivo en conta para o seu funcionamento as horas de máxima afluencia de vehículos e o sentido do mesmo ou se a regulación é a mesma ao longo das 24 horas do día. E, na mesma liña, queren saber se o Ministerio barallou a posibilidade de regular o tráfico por medio de axentes da autoridade nos momentos de maior intensidade na circulación.
Os populares agardan “unha resposta rápida a estas cuestións; pero, sobre todo e o que é máis importante, que o Goberno dea unha resposta rápida ás demandas á poboación da Mariña que se ve gravemente prexudicada por este sinistro”.