Partido Popular de Lugo

Os deputados do PP no Congreso reclaman ao Goberno que use pavimento altamente drenante na reparación da A-6 entre Lugo e León

Lugo, 20 de xaneiro de 2023. Moitas das reparacións do firme da autovía A-6 leváronse a cabo con pavimento non drenante, ou polo menos moito menos drenante que o orixinal. Agora que o Goberno parece ter previsto reparar un tramo desta autovía, entre Lugo e León, os deputado nacionais do PP presentan varias preguntas ao Goberno para asegurarse de que o pavimento que se utilizará reunirá as condicións adecuadas.

Os deputados Joaquín García e Jaime de Olano lembran que “no mes de outubro do ano 2022 o Goberno anunciou a adxudicación das obras de rehabilitación dun tramo da A-6 entre Lugo e León, concretamente na calzada esquerda entre os quilómetros 407,30 e 480,00”. Queren saber “se a nova capa de rodadura realizarase a base da aplicación das denominadas mesturas drenantes para favorecer unha rápida evacuación das augas superficiais e propiciar así unha condución segura e cómoda nos días de choiva, moi frecuentes nesta zona”.

Os populares interésanse por coñecer concretamente cales son as características das obras adxudicadas e en que prazos se prevén executar.

Os deputados populares apuntan que as consecuencias do pavimento utilizado na reparación dalgúns tramos da A-6 padécenas os automobilistas cando teñen que circular en días de choiva; por non ser suficientemente drenante, ao paso dos vehículos sobre a calzada con moita auga, créase unha nube que reduce a visibilidade e xera situacións de risco.