Partido Popular de Lugo

O PP de Samos intenta que o Concello revise e regularice a numeración dos edificios da Avenida de Compostela, que actualmente é caótica

Samos, 20 de xaneiro de 2023. O portavoz do PP no Concello de Samos, José Fernández, defenderá unha moción na próxima sesión plenaria co fin de que a corporación acorde encargar un informe técnico para determinar como levar a cabo a revisión, renovación e regularización da numeración dos predios da Avenida de Compostela, e, á vista do mesmo, executar os traballos necesarios para tal fin.

Fernández sinala que “a correcta identificación dos predios urbanos, mediante a correspondente numeración, constitúe unha cuestión de capital importancia a múltiples efectos”. Considera que “esta é unha afirmación incontestable tanto no mundo administrativo como na vida diaria dos cidadáns”. Destaca que “na Avenida de Compostela, na vila de Samos, a numeración dos edificios, e tamén a dos terreos sen edificar que dan fronte a esta rúa, é un caos total, polo menos nunha das marxes”.

A vista da actual situación, entende que “é preciso acometer a necesaria reordenación, de modo que siga a normal correlación; deste xeito, evitaranse moitos problemas tanto no presente como no futuro”.

O portavoz popular toma prestadas as palabras recollidas nunha das ordenanzas municipais en vigor en España, para indicar que coa adecuada numeración “dáse seguridade e axilidade na localización de inmobles no termo municipal, o cal serve para múltiples actos da vida cidadá (prestación de servizos, tráfico xurídico de inmobles, etc…)”.