Partido Popular de Lugo

O PP de Ribas de Sil insta ao goberno local a facer as xestións necesarias para evitar a perda do caixeiro automático en San Clodio

Ribas de Sil, 20 de xaneiro de 2023. O PP de Ribas de Sil insta ao goberno local a facer as xestións necesarias para evitar a perda do único servizo bancario do que dispoñen na actualidade os veciños e veciñas do municipio, un caixeiro automático, tralo peche da sucursal bancaria a mediados do pasado ano.

O presidente da xestora do PP local, Jose Rodríguez, sinala que “o caixeiro foi desconectado onte mesmo; despois dun mes no que, practicamente, non funcionaba”. Esta situación, segundo o popular, “prexudica seriamente aos negocios locais e aos veciños e veciñas -especialmente, ás persoas maiores que teñen máis dificultades para desprazarse a outras localidades- porque, ao non dispoñer deste servizo en San Clodio, vémonos obrigados a desprazarnos a Quiroga, que é onde se atopa a oficina máis próxima”, explica. Isto supón, ademais, «perdas para os negocios de Ribas de Sil porque os veciños e veciñas aproveitan que se teñen que desprazar á oficina bancaria para facer as súas compras nos comercios doutros municipios».

Rodríguez insiste en que “o goberno local debe tomar cartas no asunto e facer as xestións necesarias, dentro das súas competencias, para defender os intereses dos veciños e veciñas”. Neste caso, trátase dun “servizo básico para aquelas persoas que non están familiarizadas coas novas tecnoloxías e que, polo tanto, non dispoñen doutra forma para facer os pagos das súas compras que non sexa a retirada de diñeiro en efectivo”.

GARANTIR SERVIZOS FINANCEIROS

Os populares lembran que “a Xunta garante a prestación de servizos financeiros a tódolos cidadáns con independencia do lugar onde vivan, pensando especialmente nos pequenos concellos rurais”.

Os Concellos poden solicitar a súa adhesión ao acordo entre a Xunta e a Fegamp para proceder á instalación de caixeiros para que os usuarios poidan efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen ter que desprazarse a outras localidades.