Lugo, 20 de xaneiro de 2023. A xestión que leva a cabo a área de Cultura da Deputación, pilotada polos nacionalistas, converteu en noticia nos últimos días ao Museo Provincial. Así o destaca o portavoz popular, Javier Castiñeira: “Desgraciadamente o Museo Provincial de Lugo está sendo protagonista en negativo nestas semanas. Ás goteiras que danan a súa imaxe, consecuencia da falta de mantemento por parte da delegación nacionalista que leva Cultura e que é responsable do Museo, únense as queixas dos traballadores que tiveron que acudir aos xulgados a reclamar os seus dereitos”. Os populares piden “ao BNG que cambie o seu modelo de xestión do Museo e sobre todo que o atenda, porque á imaxe que dá non é a mellor e debería ser un exemplo da xestión cultural da Deputación de Lugo”. Reclaman ao Bloque “que faga cambios e que atenda as peticións dos traballadores”.
Castiñeira sinala: “Os traballadores teñen que acudir aos xulgados e aínda así temos que escoitar ao goberno bipartito falar dos dereitos dos traballadores, cando son os primeiros que non os respectan. O claro exemplo é o dos traballadores do Museo, que xa se queixaron no seu día ao equipo de goberno. O Partido Popular levou unha pregunta ao pleno neste sentido, que non foi contestada polo equipo de goberno. A situación seguiu igual, o que obrigou a algúns traballadores a reclamar os seus dereitos pola vía do xulgado, posto que, nalgún caso, póñenselle no cuadrante moitas máis horas das que legalmente lles corresponden nesa semana”.
O portavoz popular asegura que “existe unha absoluta desorganización do calendario dos traballadores, e así dáse que cando máis hai, cando coinciden as dúas quendas, nese momento o Museo está pechado; é unha absoluta descoordinación, que se une ao feito de que os luns, que hai xente traballando, o Museo está pechado”. Os populares din que os calendarios e horarios que están en vigor non son os que mellor veñen ao Museo. Piden “ao equipo de goberno que faga cambios e que atenda as peticións dos traballadores”. Engaden: “Non se pode presumir de que a esquerda protexe aos traballadores e cando son patróns fan totalmente o contrario. Hai que lembrar os importantes conflitos laborais que ten este equipo de goberno e que non se resolveron nos despachos de San Marcos, polo que os traballadores tiveron que ir ao xulgado, como no caso dos empregados de Suplusa”.