Lugo, 19 de xaneiro de 2023. O goberno da Deputación de Lugo, presidido polo socialista José Tomé, só acerta cando rectifica, e máis aínda en asuntos relacionados coa rede de estradas, competencia que asume directamente o propio Tomé como delegado de Vías e Obras. Unha vez máis, o PP faise eco das queixas veciñais polo estado das estradas provinciais, neste caso en relación co LU-P 1502, en Burela, onde os peóns teñen que camiñar pola calzada para chegar ao cemiterio, porque non hai beirarrúas. O portavoz popular, Javier Castiñeira, anuncia que “a instancia do PP de Burela e das asociacións de veciños e de montes, o grupo provincial popular levará unha iniciativa ao próximo pleno da Deputación de Lugo, para recordar ao goberno presidido polo socialista José Tomé, responsable de Vías e Obras, que ten traballos pendentes na estrada LU-P 1502, que une o centro de Burela con San Román de Villaestrofe, en Cervo”.
Castiñeira explica que é “unha estrada na que dende hai moito tempo vimos demandando moita máis seguridade; solicitamos hai meses que se dotara dunha beirarrúa a esta estrada, que é a que comunica Burela co seu cemiterio e con outras infraestruturas. Esta vía ten moitísimo tráfico, tanto de vehículos de veciños de Cervo e de Burela como tráfico pesado, especialmente de madeira, ao que agora se lle vai unir o tráfico de caolín unha vez que se reanude a actividade na mina”.
O portavoz popular sinala que “como non se fixo absolutamente nada, nin por parte do goberno da Deputación nin polo Concello de Burela, queremos recordar, porque os veciños así o piden, a necesidade de mellorar a seguridade vial nesta estrada”. Castiñeira declara: “Hai un problema maior de seguridade para os peóns, como dixemos sempre ao reclamar unhas beirarrúas que permitiran un acceso seguro ao cemiterio; tamén pola falta de limpeza das cunetas nas que, por estar atascadas, a auga desborda pola calzada, o que pode ser perigoso porque esta vía ten unha acusada pendente. É necesario mellorar a seguridade pola cantidade de tráfico que hai nesta vía, tanto tráfico lixeiro como pesado, de transporte de madeira, ao que nos próximos meses se engadirá o do transporte de caolín”. En resumo, o PP quere “que o goberno da Deputación de Lugo dea unha solución aos veciños de Burela en canto a seguridade para o tráfico en xeral, e en especial para o peonil na estrada LU-P 1502”.