Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno provincial a reparar o teito do Museo para acabar coas goteiras e avisa do risco de que danen pezas de gran valor

Lugo, 18 de xaneiro de 2023. Nas distintas facetas da xestión do goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, hai moitas goteiras. En ocasións, o uso do termo “goteira” é unha maneira de facer referencia, tanto pola oposición como polos veciños afectados, ás deficiencias da xestión do equipo de Tomé. Pero noutras ocasións as goteiras son reais e son a consecuencia das “goteiras” na xestión de Tomé e dos seus socios nacionalistas. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, que di: “A xestión do BNG nas súas delegacións fai augas. Son ben coñecidas as goteiras do anexo do Pazo dos Deportes, cuxas consecuencias impiden facer unha boa práctica do deporte nesas instalacións, e que están sendo motivo de risa para moitos clubs que chegan á capital, a Lugo, e ven como as instalacións da Deputación de Lugo non son aptas para facer bo deporte”. Pero, engade Castiñeira, “lamentablemente isto contaxiouse a outro dos emblemas da Deputación de Lugo, que é o Museo Provincial; das pingueiras do anexo do Pazo pasamos ás do Museo Provincial”.

As goteiras, din os populares, “dan unha imaxe lamentable do Museo Provincial, que é un dos lugares máis visitados da cidade de Lugo”. Castiñeira explica: “Ademais de danar as propias instalacións, como son o teito e o chan, hai risco de que poidan danar as pezas, de incalculable valor, que hai nese museo. Isto demostra un malísimo mantemento por parte do BNG e pon en risco tamén a seguridade dos que alí traballan e das moitísimas persoas que visitan este museo”.

As goteiras nos edificios da Deputación, son en opinión do portavoz popular, boa mostra “da xestión que fai o BNG na Deputación de Lugo, que está demostrando claramente non estar capacitado para xestionar áreas tan importante como son as de Deportes e Cultura; quizá estean máis capacitados para facer oposición, que moi probablemente vai ser o que lles toque facer a partir do mes de maio deste mesmo ano”.