Partido Popular de Lugo

O PP por en valor os investimentos da Xunta para a depuradora de residuais, a mellora do IES e a continuación da obra das beirarrúas de Cangas solicitada polos veciños

Foz, 17 de xaneiro de 2023. A Administración autonómica confirma mes a mes o seu compromiso total co municipio de Foz. De novo, quedou claro na reunión mantida na maña de hoxe polo portavoz popular, Javier Castiñeira, co delegado da Xunta, Javier Arias, na que se abordaron algúns dos investimentos en marcha e outros proxectados, como son os correspondentes á depuradora de augas residuais (EDAR), ás melloras no IES e as obras de construción de beirarrúas en Cangas. Castiñeira pon en valor o esforzo da Xunta en Foz e lembra que os populares iniciaron as xestións que deron pé as actuais obras.

Castiñeira saíu “moi satisfeito da reunión co delegado da Xunta de Galicia, Javier Arias, despois dunha petición do PP de Foz para facer un seguimento das obras que se están a excutar ou que están proxectadas no noso concello, obras que xestionou dende un inicio o PP”.  Explica: “Unha delas é a depuradora de augas residuais, cuxas obras se iniciarán nos próximos meses. E tamén son moi importantes as melloras no IES de Foz, por 1,2 millóns de euros, que se executan a raíz dunha moción do Partido Popular no pleno; estase traballando de forma coordinada coa comunidade educativa”.

O portavoz popular manifestou ao final da reunión: “Saímos tamén satisfeitos porque sobre outra petición que tiñamos feita para a parroquia de Cangas, que é continuar as beirarrúas no núcleo urbano, temos boas noticias; as obras iniciaranse nas próximas semanas”. Castiñeira lembra que esta obra foi solicitada pola asociación de veciños de Cangas nunha das reunión que mantivo co grupo municipal popular. Para os populares está claro que “o compromiso da Xunta con Foz é total  e absoluto”.  Castiñeira anuncia que “o Partido Popular seguirá facendo o seu traballo, en positivo, neste caso dende a oposición, continuando o labor que fixemos dende o goberno local nos anteriores oito anos”.