Partido Popular de Lugo

Olga Capón asume o reto de conseguir á alcaldía de Láncara “con todo respecto,humildade, a máxima responsabilidade” e coa decisión de dar á veciñanza os servizos e as infraestruturas que precisa

Láncara, 14 de xaneiro de 2023. Olga Capón (1967), presidenta da xestora do PP de Láncara, será a candidata dos populares á alcaldía deste municipio. Capón foi presentada como candidata na tarde deste sábado, nun acto celebrado no edificio polifuncional da Pobra de San Xiao. É diplomada en Relacións Laborais, traballou máis de 20 anos en recursos humanos, en orientación laboral, e foi administradora de varias empresas. Ten un máster en Prevención de Riscos. Ao acto de presentación da candidata asistironmembros da dirección provincial do PP, entre elesFrancisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía.

O apelido Capón está estreitamente ligado a alcaldía de Láncara, porque, como lembra Olga, seu pai foi alcalde deste municipio durante uns trinta anos. Olga Capón asume o reto de encabezar a lista popular con “toda responsabilidade”, “coa máxima humildade” e co compromiso de traballar arreo, primeiro, para  gañar as eleccións, e despois para facer a xestión que Láncara necesita “para recuperar o tempo perdido” a causa da ineficaz xestión do goberno socialista. A candidata di que o seu modo de traballar estará baseado na escoita activa, na proximidade aos veciños, no contacto directo con eles, e no fomento da participación.

Capón ten moi claro que precisa o seu concello. O primeiro, é o fomento do emprego, porque sen emprego -di- non se pode conseguir o que ten que ser un dos obxectivos principais, que é fixar poboación. Sinala: “Somos arredor de 2.500 veciños e imos perdendo poboación; para frear esta tendencia é preciso crear emprego e ofrecer bos servizos, algo que non se fixo en todos estes anos de goberno socialista”. Sinala así que o Concello nada fixo por dar impulso ao máis importante motor económico do municipio, que é a gandería. Di tamén que hai que aproveitar as novas infraestruturas viarias para planificar novo solo industrial

Capón cre que hai que prestar especial atención a cuestións como os desbroces, porque “xa hai accesos ao río e moitas fontes ás que non se pode chegar porque a maleza pechou os camiños”. En materia de medio ambiente, sinala que é preciso mellorar a recollida do lixo e levar a traída de augas ás parroquias.

Para a candidata popular é fundamental facilitar o acceso a Internet nas parroquias, impulsar a promoción do patrimonio natural e histórico e fomentar o acceso á cultura. Di que a política social será un eixo fundamental do seu traballo.

A dirección provincial do PP destacou que o Partido Popular gobernou durante moitos anos en Láncara e está convencida de que volverá a facelo, e con maioría absoluta, a raíz das próximas eleccións municipais. A veciñanza sabe ben agora que as grandes obras feitas en Láncara foron impulsadas polo PP, ben directamente polo Concello ben a cargo da Xunta de Galicia. Os responsables provinciais do partido destacan así que quedan claras dúas maneiras de gobernar, e a do PP é a que dá bos resultados para os veciños.