Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro lamenta que as deficiencias técnicas, debidas á incapacidade de xestión de Loureiro, obrigaran a suspender a sesión plenaria de hoxe

Viveiro, 10 de xaneiro de 2023. O pleno da corporación municipal de Viveiro convocado para a noite de hoxe tivo que ser suspendido debido a que as deficiencias técnicas fixeron imposible a participación por vía telemática da portavoz do BNG e dun concelleiro do PSOE. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, considera inadmisible que a desidia do goberno presidido pola socialista María Loureiro na xestión dos recursos municipais provoque unha situación así, impropia “dun Concello como o de Viveiro e moito máis despois da experiencia que se supón que debería ter acumulada como consecuencia da pandemia”.

A sesión plenaria tivo que ser suspendida ao seu inicio, porque a comunicación entre os asistentes presenciais e os que o pretendían participar telematicamente demostrouse imposible. Rodríguez sinala: “Chove sobre mollado, porque levamos moito tempo avisando de que hai que dispoñer dos recursos técnicos adecuados, tanto para casos como este como para que os plenos sexan gravados coa calidade mínima necesaria para que poidan ser visualizados polos cidadáns que teñen interese en seguilos”.

Os populares cren que o ocorrido na sesión de hoxe é unha demostración máis da incapacidade de xestión do goberno presidido por María Loureiro. Rodríguez declara: “Acaba este mandato e seguimos igual; dificultades, cando non imposibilidade para que se poida participar telematicamente nos plenos e para que, en aras de facilitar a información e a transparencia, as sesións sexan gravadas cunha calidade aceptable”.