Castroverde, 03 de xaneiro de 2023. Pasou outro ano e o Concello segue sen conseguir a propiedade da torre da fortaleza, que é o gran emblema do patrimonio histórico de Castroverde. O portavoz popular, Rubén Otero, di que o alcalde, José María Arias (PSOE), ou non pode ou non quere cumprir o compromiso que adquiriu no seu día para xestionar a adquisición da torre para o patrimonio municipal. Otero sinala: “O caso é que, o monumento segue a deteriorarse mes a mes e o alcalde non fai nada práctico para facerse con el para o Concello e tomar as medidas adecuadas para, como primeiro paso, asegurar a súa consolidación”. Os populares indican que se as negociacións cos propietarios non dan resultado a moi curto prazo, o Concello debe explorar outras vías para facerse con esta peza de patrimonio histórico do municipio.
O portavoz popular lembra que en febreiro do ano pasado esixiu publicamente ao socialista Arias que aclarara que xestións tiña feitas para conseguir a propiedade da torre para o Concello. Indica: “Pois a día de hoxe seguimos igual, sen saber que pasou coas xestións, se as houbo ou non e que resultado deron”. Hai un ano, Otero destacaba que era preciso aproveitar os fondos europeos para poñer en valor tan emblemática construción. “A día de hoxe, nin a torre é municipal nin, polo tanto, hai posibilidade de aproveitar os fondos europeos para consolidala; así son as cousas neste concello grazas ao goberno que preside o señor Arias”.
Para Rubén Otero, “é inexplicable que o alcalde non demostre o máis mínimo interese por poñer en valor canto ten de interesante o municipio de Castroverde para atraer visitantes, tendo en conta que é un concello que non anda precisamente sobrado de industria e empresas que xeren emprego e dinamicen a súa economía”.