Barreiros, 02 de xaneiro de 2023. As infraestruturas viarias en bo estado é unha das condicións indispensables para fixar poboación na zona rural, porque da dispoñibilidade de accesos cómodos e seguros depende en gran parte a calidade de vida. No municipio de Barreiros, os veciños de Matomaior e Cabo, na parroquia de San Xulián de Cabarcos, saben ben cantas molestias produce ten que chegar e saír da casa a diario por unha estrada en moi mal estado, por unha vía que é un verdadeiro lameiro. O portavoz popular, José Manuel Gómez Puente, anuncia a presentación dunha iniciativa no próximo pleno para solicitar a reparación da estrada municipal de Matomaior e Cabo.
Puente sinala que a citada pista, que comunica coa vía entre Cabarcos e Rilleira, precisa unha reparación a fondo, para pavimentala en condicións que merezan que se lle dea o nome de estrada, porque, a día de hoxe, non pasa de ser unha corredoira en mal estado.
Os populares queren que o goberno municipal programe a reparación da estrada de Matomaior e Cabo con prioridade a outras obras similares, dadas as dificultades que teñen os veciños para transitar por ela. “Hai moitas vías municipais en moi mal estado, pero esta é das que peor está”, sinala o portavoz popular, José Manuel Gómez Puente. Engade: “O goberno municipal ten que planificar a reparación da desta estrada coa maior rapidez posible; iso é o que solicitaremos nunha iniciativa que presentaremos no próximo pleno”.