Partido Popular de Lugo

Balseiro pide ampliar a rebaixa do IVE tamén aos produtos do mar

A Mariña, 29 de decembro de 2022. O deputado do Grupo Popular e presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Galego, José Manuel Balseiro, reclama ao Goberno de Pedro Sánchez que rectifique e acorde de xeito inmediato a rebaixa do imposto do valor engadido (IVE) tamén para os peixes e mariscos.

Segundo o deputado popular a actual exclusión dos produtos do mar do paquete de medidas contra a inflación “é unha decisión inxusta e discriminatoria” co sector da pesca que, “como todos sabemos non está a pasar polos mellores momentos, polo que merece medidas de apoio”.

Balseiro asegura que peixes e mariscos reúnen todas as condicións para ser considerados como un “alimento esencial” ademais de imprescindible “para un dieta saudable” polo que precisan o mesmo trato fiscal que o Goberno de esquerda está dando a outros produtos de primeira necesidade.

O deputado mariñán avanza tamén a presentación de distintas iniciativas parlamentarias dirixidas a forzar unha rectificación do Goberno socialista e pide que A Moncloa escoite o clamor que esta reivindicación ten no conxunto das asociacións e entidades do sector pesqueiro e á propia Xunta.

Con todo Balseiro explica que esta petición “non nace agora” senón que é unha demanda recorrente nos últimos anos. “Sempre defendemos que os produtos do mar deberían ter o IVE máis baixo. Agora, por congruencia e proporcionalidade meren gozar da mesma rebaixa que o resto dos alimentos básicos”, medida “que tamén contribuiría a estimular a demanda destes produtos e apoiar empresas e profesionais do mundo do mar”.