Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes acorda nunha reunión a constitución da xestora que dirixirá a agrupación local de forma provisional

Cervantes, 28 de decembro de 2022. O PP de Cervantes vén de constituír a súa xunta xestora que preside o técnico medioambiental Óscar Fernández Gómez tendo en conta a opinión e o consenso dos afiliados da agrupación local nunha reunión á que asistiu os deputados José Manuel Balseiro -coordinador e voceiro provincial do Partido Popular- e Encarna Amigo -secretaria sectorial de Sanidade do PP lucense-.

A xestora estará formada por un grupo de 10 persoas. Entre os asistentes á reunión acordouse que -ademais dos membros natos da xestora como son os concelleiros Javier Santín Vilor, Marcos Rodríguez Santín e Manuel González López- formasen parte tamén Raquel Fernández Méndez, Carlos González Méndez, Javier González Méndez, Manuel López López González, José López Fernández e Fidel Trabado Pérez; xa que “todos eles teñen un profundo coñecemento do partido a nivel local”.

Fernández Gómez lembra que, “a constitución da xestora é un proceso provisional e previo á celebración do congreso local onde os afiliados elixirán os órganos de dirección do partido». O novo presidente sinala, ademais, que “o traballo máis inmediato do PP de Cervantes é o de elaborar unha lista renovada de cara ás vindeiras eleccións de maio do 2023”.

A dirección provincial agradeceu a vontade de traballo de tódalas persoas que conforman a xestora, pero tamén de tódolos afiliados e simpatizantes porque “o proxecto do Partido Popular é un proxecto de equipo”.