Lugo, 27 de decembro de 2022. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou antes do inicio da sesión plenaria celebrada esta mañá pola corporación provincial: “Se o goberno bipartito (PSOE-BNG) da Deputación aproba este Plan Único, consuma unha auténtica decepción, porque as expectativas que crearon, no inicio da lexislatura, eran de incrementalo un 25%; de ter sido así, estariamos aprobando no día de hoxe un Plan Único de 25 millóns de euros e non é así, non aprobamos un plan con cinco millóns de euros máis que no 2019, senón con só 1,5 millón de euros máis”. Castiñeira constata que, “polo tanto, non se cumpren as expectativas, porque é o que interesa ao goberno bipartito, que sigue gobernando para os máis grandes”.
O portavoz popular sinalou que “a concellos como os de Lugo, Viveiro, Monforte ou Vilalba dálles igual que o Plan Único suba ou baixe, porque xa teñen o máximo que permite este plan, que son 500.000 euros; a quen afecta que non suba é aos máis pequenos, que son os que dan a razón de ser a Deputación de Lugo, que para iso está, para compensar aos concellos máis pequenos que son os que máis necesitan. A Deputación é una institución absolutamente territorial e non está cumprindo ese obxectivo”.
Castiñeira lembrou que os nacionalistas “indicaron ao principio da lexislatura, concretamente a señora Ferreiro, que non cren na Deputación; só hai que escoitar declaracións do BNG cando di que son institucións que non serven para nada”. O portavoz popular matizou que dende o punto de vista do BNG, as deputacións “serven para estar eles no poder; o problema é que este goberno da Deputación de Lugo usa aos concellos máis pequenos para servirse deles, para estar no poder. Este pode ser o resumo: aprobarán un Plan Único conxelado dous anos seguidos, cando a vida subiu un 25% e os concellos teñen menos recursos”.
O mesmo representante popular manifestou: “Lamentablemente, este Plan Único é a constatación da política da esquerda lucense, que é premiar aos máis grandes e crear máis dificultades para os máis pequenos, aos que xa se incrementaron moito nestes catro anos complexos na xestión para todos os alcaldes que tiveron que xestionar una grave crise pandémica e de prezos. Lamentablemente neste caso a Deputación de Lugo non estivo con eles”.