Vilalba, 27 de decembro de 2022. O PP explica que Vilalba dispón de numerosas instalacións que permiten practicar no municipio unha ampla variedade de actividades deportivas. É por iso polo que os populares non saen do seu asombro ante as numerosas mostras de desprezo por parte do goberno local socialista polas instalacións de titularidade municipal que deberían manter e conservar en bo estado para o seu uso en condicións de seguridade por parte dos vilalbeses e vilalbesas.
Ao calamitoso estado do terreo de xogo do estadio da Magdalena que denunciaban a semana pasada, engádese agora o perigoso estado esvaradío do pavillón municipal de deportes debido á acumulación de auga no chan polas numerosas goteiras que presenta o seu tellado “e ás que o goberno local socialista tampouco está dando solución”.
Nese sentido, a voceira popular, Sandra Vázquez, condena que “por non facer fronte pouco a pouco a pequenas obras de reparación, o goberno local deixa estragar outra das instalacións deportivas de referencia no noso concello. Se non se levan a cabo de forma periódica as actuacións e coidados necesarios para que duren, as instalacións vanse deteriorando cada vez máis”, advirte. “Con esta falta de xestión, o equipo de goberno demostra que o mantemento das instalacións deportivas en condicións de seguridade non é importante para eles”, considera.
Vázquez non esquece tampouco o mal estado doutras instalacións de titularidade municipal como é o caso do auditorio ou o edificio que alberga o Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. “Son outros exemplos de que o goberno socialista non está a velar polas instalacións municipais nin atendendo as peticións dos vilalbeses e vilalbesas”.
A BIBLIOTECA MUNICIPAL, PECHADA “ATA NOVO AVISO”
O Grupo Municipal Popular de Vilalba pedirá explicacións ante a suspensión do servizo de préstamo de libros da Biblioteca Municipal dende o venres 16 de decembro “ata novo aviso”, algo que os populares consideran “asombroso” e que demostra a falta de previsión e os problemas de organización por parte do goberno local socialista que “segue sen resolver os asuntos que son da súa competencia”.
Os populares lamentan que, “de novo, os prexudicados pola falta de xestión e rigor do goberno do PSOE son os veciños e veciñas de Vilalba e, neste caso, os usuarios e usuarias da biblioteca municipal”.