Sarria, 26 de decembro de 2022. O Partido Popular de Sarria solicita a celebración dunha sesión plenaria extraordinaria en relación co Procedemento Simplificado de Valoración Colectiva (vulgarmente coñecido como «catastrazo».
Os populares sinalan: “Non cabe dúbida de que un dos temas que marcou esta lexislatura foi e é, en relación co I.B.I, o Procedemento Simplificado de Valoración Colectiva (vulgarmente coñecido como «catastrazo») e que afectou aproximadamente a uns seis mil propietarios e dez mil parcelas da nosa Zona Rural, e que tivo o seu inicio no ano 2018”.
No PP de Sarria indican que “promesas electorais nas pasadas eleccións municipais e actuacións levadas a cabo desde entón polos distintos partidos políticos en relación co mesmo están nas hemerotecas e nas actas dos Plenos do Concello. En todo caso é o certo que o día 17 do pasado mes de novembro procedeuse por parte da Dirección Xeral do Catastro a declarar a súa nulidade por caducidade nas notificacións, é o certo tamén que con data do día 21 tamén do pasado mes, iniciouse por parte do Catastro un novo Procedemento Simplificado de Valoración Colectiva, cuxas notificacións chegaron, ou están a chegar, aos aproximadamente seis mil titulares afectados, e evidentemente nesta ocasión, en prazo”.
Os populares apuntan que “tamén é o certo, e realmente moi grave, que a día de hoxe nada se sabe acerca da devolución das cantidades cobradas no procedemento anulado, nin tampouco cando e como se vai levar a cabo o pago das cantidades correspondentes ao procedemento agora iniciado”.
O grupo municipal do PP demanda que se lle facilite “por parte da intervención municipal, en relación co procedemento anulado, información clara e detallada acerca das cantidades cobradas, en que organismo ou institución se atopa o diñeiro, e ademais, como e cando se vai a proceder á súa devolución aos afectados”.
Os populares reclaman que “dita devolución se faga o máis axiña posible, e, en calquera caso, que non se faga ningún cobro do novo procedemento mentres non se leve a cabo a mesma”. Pretende, que “con relación ao novo procedemento, no caso de que non haxa posibilidades de anulación do mesmo, búsquense as fórmulas para que o mesmo resulte o menos gravoso posible para os afectados”.