Partido Popular de Lugo

O PP de Foz expresa de novo a Cajoto a súa disposición a consensuar a solución á crise da Residencia, a pesar de que o alcalde rexeitou todos os seus ofrecementos durante dous anos

Foz, 23 de decembro de 2022. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, parece cambiar a súa liña con respecto á Residencia da Terceira Idade. O portavoz do PP, Javier Castiñeira, sinala que no seu grupo alégranse de que “o pleno celebrado o pasado mércores en relación coa Residencia da Terceira Idade dea froitos e que as propostas que fixo o PP as empece a coller o alcalde, porque son as propostas que deberían ter feito xa no seu momento”. Engade: “É certo que perdemos moitos meses, pero tamén é verdade que é necesario non xogar con este asunto como estaba a facer o alcalde. Cajoto non admitiu no pleno as propostas do PP, pero ao día seguinte parece que as acepta”. Castiñeira informa de que “o PP de Foz vén de poñerse en contacto co señor Cajoto e co BNG para ter unha reunión urxente, para intentar consensuar esa solución que agora está máis cerca, despois de que o alcalde se dera conta de que ía nunha liña equivocada; hai que intentar resolver a crise da residencia”.

O PP, sinala Castiñeira, “ofrécese como canle para que o Consorcio reciba a todos os voceiros da corporación para coñecer cal é a posición desta entidade, que xa se lle explicou varias veces ao señor Cajoto, e valorar as opcións reais para ter un bo acordo, que garanta outros catro anos de bo facer, como foron os últimos”. Os populares tamén esixen “ao goberno municipal que convoque aos voceiros dos grupos a unha reunión coa empresa que xestiona o asilo para tratar de asegurar a súa continuidade polo menos ata ter a solución definitiva”.

Castiñeira sinala: “Queremos que antes de que remate o ano se poida avanzar na solución a este problema. Ese é o obxectivo fundamental: devolver a tranquilidade aos residentes, aos seus familiares e aos traballadores, que tan bo labor fixeron nestes anos difíciles, pola pandemia e as dificultades económicas”.

O portavoz popular avisa: “É necesario tamén garantir que os focenses sigan tendo prioridade na entrada na residencia, tal e como levamos facendo dende o inicio deste servizo, e para elo cremos que debe afondarse na súa municipalización, como é a día de hoxe, que é o que garante o benestar dos nosos veciños e, por outro lado,  a estabilidade laboral dos traballadores”.