Partido Popular de Lugo

O PP considera “inadmisible e inxustificable” que remate un ano máis sen que Viveiro dispoña do centro de día na Residencia

Viveiro, 22 de decembro de 2022. O mandato municipal chega ao seu final e nada se sabe da creación do centro de día na residencia da terceira idade. Tamén neste sentido, outro ano perdido para conseguir para Viveiro un servizo de gran importancia e moi demandado, segundo indica o portavoz popular, Óscar Rodríguez. Sinala: “Non hai un campo da xestión municipal na que non estea sobradamente demostrada a estas alturas a incapacidade de xestión da alcaldesa, María Loureiro, e do seu equipo. Que a estas alturas Viveiro non teña ese centro de día é totalmente inadmisible e inxustificable”.

Rodríguez lembra que o 9 de abril do 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o Concello de Viveiro e Sogaserso para a construción e explotación dun equipamento xeriátrico en terreos cedidos polo Concello de Viveiro. No acordo establecíase que tería 150 prazas residenciais e aproximadamente 50 de centro de día. Posteriormente, no pleno do 5 de febreiro de 2010 aprobouse unha modificación de dito convenio, que nun dos seus puntos queda así: “O equipamento xeriátrico construído nos terreos cedidos de forma gratuíta é única e exclusivamente un centro de atención a persoas maiores integrado por unha residencia e un centro de día, cuxo funcionamento axustarase á normativa aplicable a esta clase de centros e que ten como fin esencial favorecer o colectivo de persoas maiores do municipio de Viveiro”. Rodríguez destaca que cando se levou a cabo este cambio, xa era concelleiros tanto Loureiro como o actual tenente de alcalde; polo tanto, a alcaldesa en ningún caso pode alegar ignorancia sobre o contido do convenio.

Para Rodríguez, como xa sinalou en anteriores ocasión con respecto a este asunto, “é inadmisible, inxustificable e intolerable a pasividade do goberno local”. Engade: “Viveiro perde servizos continuamente e non é admisible que un que ten dereito a ter non o teña porque o goberno local non traballa, non se interesa polos asuntos do municipio. É un servizo moi importante nunha sociedade cada vez máis envellecida”.