Partido Popular de Lugo

Josín Regueiro non repetirá como candidato do PP á alcaldía da Fonsagrada

A Fonsagrada, 22 de decembro de 2022. Josín Regueiro vén de anunciar a súa decisión persoal de non repetir como candidato do Partido Popular á alcaldía da Fonsagrada nas vindeiras eleccións municipais. Foi durante unha reunión do comité executivo do PP local na que tamén participou o coordinador do PP da provincia, José Manuel Balseiro.

Regueiro tamén comunicou que renuncia á presidencia do PP local -do que é o máximo responsable dende que fora nomeado presidente da xunta xestora en novembro do 2017- para deixar paso a unha nova etapa na agrupación local da Fonsagrada.

O popular é concelleiro dende as eleccións do 2019 e portavoz do Grupo Municipal do PP. “Continuarei ata final do mandato cumprindo coa responsabilidade de representar aos veciños e veciñas da Fonsagrada na corporación municipal que me outorgaron nas pasadas eleccións municipais nas que apoiaron maioritariamente a candidatura do Partido Popular”.

A dirección provincial agradece o traballo que levou a cabo ao longo deste período con “moita ilusión e compromiso” e facendo, dende a oposición, política útil achegando propostas e fiscalizando o labor do goberno socialista que, segundo recordan dende o PP provincial, se debe ao pacto entre os perdedores: PSOE e BNG.

En próximas datas nomearase á persoa que se encargará de presidir unha xestora do PP da Fonsagrada.