Partido Popular de Lugo

Castiñeira confirma que o Consorcio nunca puxo nin poñerá problemas para facerse cargo da residencia da terceira idade de Foz

Foz, 20 de decembro de 2022. Hai servizos públicos que polas súas peculiaridades debe ser xestionados con especial coidado e sensibilidade. En Foz, o alcalde, Fran Cajoto (PSOE), non tivo nin coidado nin sensibilidade na xestión da residencia da terceira idade e agora tanto os residentes como os traballadores viven nunha inxustificable e inxusta incerteza. O portavoz popular, Javier Castiñeira, insta a Cajoto a aclarar xa que fará cos residentes e os traballadores cando o próximo 16 de xaneiro a empresa que xestiona o centro deixe de facelo.

Castiñeira explica: “Fai uns días, a empresa que xestiona a residencia da terceira idade díxolle a Cajoto que ou paga o reequilibrio económico que solicitou no seu momento ou que se marcharía o 16 de xaneiro. Ese é o gran problema: chegamos ao 16 de xaneiro sen outra empresa que poida substituír a esta. Ese é o problema, o demais son cortinas de fume, para tratar de facer como fixo sempre o señor Cajoto para involucrar á Xunta de Galicia nos seus problemas”.

Os populares confirmaron cos representantes do Consorcio que “este nunca foi un problema: se o Concello non quere a residencia o que ten que facer e dárnola igual que a entregamos; e se a queren, dígano”. Engaden: “No momento en que faga isto, pode recibila. Tampouco dende o inicio, dende que se construíu a residencia e dende que se chegou a un acordo para que fora municipal, o Consorcio puxo pegas para que pase a ser do Concello de Foz”. Castiñeira sinala: “Ese paso está perfectamente dado, o problema é quen vai facer a xestión despois do 16 de xaneiro. A empresa actual leva perdidos moitos cartos porque o señor Cajoto non quixo facer o reequilibrio económico que se lle solicitou, a causa da covid, a inflación e o custo da enerxía. O que nos debe aclarar o señor alcalde é quen vai facer a xestión, porque o demais son cortinas de fume, e nós non imos admitir máis cortinas de fume, igual que fixo no seu día coa Escola de Música e que está facendo con outros servizos”.

Castiñeira denuncia que “Cajoto quérese lavar as mans nunha responsabilidade que é propia e absoluta do Concello de Foz e máis concretamente do alcalde, por non ter avanzado nestes últimos meses na contratación e por non ter no seu día, como dixo o PP, reaxustado coa empresa o reequilibrio económico”.