Partido Popular de Lugo

Katy Varela denuncia “puntos críticos” en beirarrúas de Monforte que dificultan o tránsito de persoas con mobilidade reducida

Monforte de Lemos, 19 de decembro de 2022. O Partido Popular de Monforte presentará, na sesión do pleno da Corporación do vindeiro luns, 26 de decembro, unha proposta para reclamar a creación dun equipo de traballo que se encargará de redactar un proxecto de mellora da accesibilidade das zonas peonís da cidade.


A portavoz popular, Katy Varela, denuncia na proposta o mal estado no que se atopan actualmente algunhas beirarrúas e matiza que “hai puntos críticos que dificultan o tránsito de persoas con mobilidade reducida. Ás grandes elevacións para subir ou baixar en cadeira de rodas, hai que sumar outos tramos nos que se volven estreitas e dificultan o paso tamén a transeúntes con bastón ou muletas”.

A proposta alude de xeito especial ao estado das beirarrúas de distintos puntos da cidade como a Rúa do Morín, onde as luminarias ocupan a maior parte do ancho das mesmas, á Rúa Veiguiña e á Rúa Doutor Casares, na que se ubica o Centro de Saúde, unha zona que rexistra numerosos desprazamentos peonís de persoas con mobilidade reducida. Tamén denuncia a situación da praza dos Escolapios con dúas alturas que dificultan o acceso ao colexio e á igrexa, así como a unha parte do casco histórico onde aumenta a dificultade pola complicada subida a San Vicente.


Varela engade que existen numerosas queixas veciñais “polos pivotes que se colocan en prácticamente todas as rúas da cidade, como na do Conde, onde as beirarrúas son estreitas e o tráfico moi intenso. Ademais, hai outras zonas da cidade onde os cubos do lixo están por riba delas e non pode pasar ninguén, obrigando aos peóns a baixar á carretera”.

Katy Varela cre necesario que o equipo de traballo para redactar este plan de mellora esté conformado por membros da Corporación, representantes das asociacións de persoas con discapacidade e maiores, técnicos en urbanismo e expertos en tráfico, co obxectivo de facer unha completa relación dos lugares necesitados de mellora de accesibilidade nas zonas peonís de Monforte. Así mesmo, a presidenta do PP propón tamén que “a execución deste proxecto de proverase de fondos do propio Concello e de outras administracións competentes na materia”.