Partido Popular de Lugo

Paula Prado: “Vilalba ten que apostar en 2023 polo goberno serio, rigoroso e solvente que ofrece Sandra Vázquez”

Vilalba, 16 de decembro de 2022. A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, mostrouse hoxe convencida de que Vilalba en 2023 “ten que apostar por un goberno con seriedade, rigorosidade e solvencia como é un goberno do PP”, para así “darlle voz a esa maioría de veciños que queren un concello que se preocupe polos seus problemas e deixe a política de confrontación”.

Así o afirmou hoxe durante o percorrido que realizou polo centro urbano da capital da Terra Chá acompañada por membros do grupo municipal do PP de Vilalba e pola súa candidata á alcaldía, Sandra Vázquez. A ela referiuse a secretaria xeral dos populares galegos para poñer en valor e agradecer o seu traballo “en favor do Partido Popular no eido local como concelleira e no autonómico como deputada no Parlamento de Galicia”.

Paula Prado mostrouse moi crítica coa “desidia” e a “falta de xestión e de solvencia” do actual “desgoberno” socialista de Vilalba, contrapoñéndoo á solvencia que demostrou o Partido Popular durante catro décadas con alcaldes como Agustín Baamonde ou como Gerardo Criado. Unha listaxe de rexedores á que, tal e como afirmou, Sandra Vázquez se incorporará en 2023.

De feito, Paula Prado aproveitou para anunciar a reunión do Foro de Alcaldesas do PPdeG que terá lugar mañá en Mos: “Queremos darlle protagonismo ás nosas alcaldesas e estudar as sinerxías e propostas para ofrecer aos veciños dos 313 concellos galegos unha política seria, rigorosa, e de progreso”.

Aproveitando tamén a súa presenza na vila natal do presidente fundador do Partido Popular, Manuel Fraga, a secretaria xeral dos populares galegos quixo reivindicar o seu legado facendo do Partido Popular de Galicia “o partido que máis se parece aos galegos e non como fan outros, que pretenden moldealos á súa forma de facer política”.

SANDRA VÁZQUEZ: “OFRECEMOS ESTABILIDADE, XESTIÓN E DIÁLOGO”

Pola súa banda, a candidata popular á alcaldía de Vilalba reivindicou “a estabilidade, a validez na xestión e a vontade de diálogo” da súa formación fronte a un Goberno local “moi autoritario e impositivo pero moi pouco dialogante”.

Sandra Vázquez criticou o prexuízo que está a provocar nos veciños e comerciantes a imposición da dirección única na rúa da Pravia, o “despilfarro económico” das actividades promovidas desde o Concello e especialmente o “abandono” que sofren espazos públicos como o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía ou o auditorio municipal Carmen Estévez.

Fronte a isto, Sandra Vázquez indicou que os piares “fundamentais” do proxecto do PP de Vilalba son “o asentamento de empresas, a creación de postos de traballo que atraian novos veciños, a prestación duns servizos de calidade e o desenvolvemento do rural”.