Vilalba, 15 de decembro de 2022. O PP de Vilalba lamenta, unha vez máis, “a actitude arrogante do goberno socialista que aceptou a alegación presentada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba con respecto ás subvencións nominativas porque non tiña outro remedio, ao estar legalmente sustentada; pero a voceira socialista, a señora Rouco, xa deixou claro que o goberno local pretende regularizar no futuro a aportación económica á entidade; é dicir, coa intención de que devolvan os 20.000 euros que lle incrementaran na axuda do ano 2021”.
“O goberno local socialista viuse obrigado a rectificar, pero non é capaz de recoñecer o erro e pedir desculpas”. É máis, “continúa coa súa actitude ditatorial e a falta de diálogo e escoita tanto cos veciños, coma coas asociacións ou entidades e tampouco coa oposición”. De feito, “dende o Grupo Municipal Popular xa pediamos explicacións no pleno do 27 de outubro; pero a voceira do goberno dicía que é unha entidade privada que xa recibe financiamento da Xunta e dos usuarios e que, tras recibir o ano pasado 50.000 euros por erro, neste 2022 se lle concedían só 10.000 euros. O certo é que lle corresponden 30.000 atendendo ao convenio asinado co Concello no 2017 e, polo tanto, houbo que aprobar outros 20.000 euros no pleno extraordinario deste xoves para completar a cantidade correspondente a esta anualidade”.
“O que queda claro é que non teñen vontade política”, manifestan os populares, “e que se a Fundación Hospital Asilo non alegase, o goberno local nin se inmutaría porque non lle importa. Así o demostran ao non responder ás peticións do Padroado para reunirse co goberno local que, dende que rematou o convenio anterior no 2020, non asinou un novo coa entidade”.
A voceira e candidata do PP á alcaldía, Sandra Vázquez, destaca a importancia dunha boa xestión que contrapón á do goberno socialista: “dende o goberno municipal aseguran que aprobar o orzamento municipal non é necesario nin fundamental para o funcionamento dun Concello; pero menos mal que había un orzamento aprobado polo goberno do Partido Popular e un convenio asinado coa Fundación Hospital Asilo de forma que estaba perfectamente establecida a aportación económica a esta entidade, neste caso; así coma os deberes e obrigas de cada unha das partes”. A popular sinala, nese sentido, que “o goberno do PSOE só se lembra dos deberes do Hospital Asilo, pero non das súas obrigas: pagar o que se debe”.
O GOBERNO DO PSOE, DE SOCIALISTA NON TEN NADA
Vázquez considera “insólita esta actitude cunha institución que fai un importante e recoñecido labor social; xa que presta servizos de atención a persoas maiores dependentes na residencia e na Unidade Terapéutica de Alzhéimer e outras enfermidades dexenerativas”. Pero o que nos parece máis grave é que “a propia alcaldesa, a señora Veleiro, sinalaba durante a pandemia que se “é o tempo no que máis se necesita o apoio das administracións; pero neste ano recortaba a subvención ao Hospital Asilo con respecto ao ano 2021 en 40.000 euros. O Partido Socialista de socialista non ten nada”.