Vilalba, 13 de decembro de 2022. O PP de Vilalba aposta por unha planificación exhaustiva e obxectiva para levar a cabo os traballos de mellora das pistas municipais. Nese sentido, a voceira e candidata á alcaldía, Sandra Vázquez, cre que “se debe ter en conta o nivel de deterioro das distintas vías municipais para establecer graos de prioridade e determinar unha orde para a execución dos traballos”. Nese sentido, lamenta que “o goberno local non teña previsto actuar a curto prazo en vías que se atopan en moi mal estado”.
Así o pon de manifesto a popular á vista das fochancas que presentan algunhas pistas que quedan excluídas do plan de actuación acordado polo PSOE e Vilalba Aberta como é o caso das pistas do barrio de Pedrouzos, na Torre; e tamén de vías da parroquia de Nete, por poñer algúns exemplos.
O PP vilalbés leva tempo reivindicando a mellora das pistas que son titularidade do Concello debido ao seu pésimo estado en moitos puntos; pero “non foi ata xuño deste ano cando se aprobou a mellora de pistas, pero deixando fóra moitas nas que era evidente a necesidade de actuar de forma inmediata”. Nese sentido, Vázquez lamenta “a lentitude coa que se contratan os traballos; xa que aínda hai obras pendentes de adxudicar, mentres que o estado desas estradas continúa a empeorar. Un dos exemplos é a estrada da Fraga Vella, en Ladra, na que prometeron actuar. Seis meses despois, os veciños continúan a agardar pola súa mellora mentres sofren a diario os prexuízos que supón o seu mal estado”.
“Somos conscientes de que non se poden acometer obras ao mesmo tempo en todos os puntos do noso termo municipal, pero o labor do goberno local é establecer un plan de acción que teña en conta os puntos onde é necesario actuar con maior celeridade. Ademais, cremos máis axeitado planificar para que os traballos de bacheo ou aglomerado se desenvolvan durante a primavera ou o verán”, explica Vázquez.
Neste sentido, a popular lembra que “xa advertiramos que o goberno socialista tardaba moito en iniciar o proceso de contratación dos traballos de mellora das pistas municipais provocando que se teñan que executar agora en pleno inverno, cando as condicións climatolóxicas dificultan os labores e supón que os resultados non sexan óptimos para ofrecer aos veciños e veciñas das distintas parroquias unhas estradas en boas condicións de seguridade”.