Ribas de Sil, 12 de decembro de 2022. O mozo Jose Rodríguez Fernández foi nomeado presidenta da xestora do PP de Ribas de Sil co obxectivo de renovar e reforzar a agrupación local tralo paso atrás anunciado recentemente polo actual portavoz municipal, Isaac Lamas.
Rodríguez é natural de San Clodio, a capitalidade municipal; ten 23 anos e forma parte de Novas Xeracións do PP dende fai cinco anos. Socorrista e opositor a técnico medioambiental, amósase moi ilusionado e con ganas de traballar por Ribas de Sil: “Quero facer algo por mellorar o meu pobo, que non siga indo cara abaixo. E cando me deron a oportunidade dixen para adiante”.
O novo presidente da xestora traballará pola súa terra natal -un dos municipios da Ribeira Sacra con gran riqueza natural e patrimonial que tamén pertence ao Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel- cun equipo que presentará en próximas datas e no que agarda contar con “xente nova e tamén veciños e veciñas con experiencia dispostos a traballar polo noso pobo”.
Co obxectivo de “fortalecer o Partido Popular no noso concello a longo prazo”, Rodríguez convida a “unirse ao proxecto do PP a todos aquelas persoas que queiran mellorar o noso pobo”.
IMPLICACIÓN DE XENTE MOZA CO PP
A dirección provincial amosa o seu agradecemento polo compromiso de Jose Rodríguez e destaca “a crecente implicación de xente nova co proxecto do Partido Popular da provincia de Lugo” que se pon de manifesto coa integración de mozos e mozas nos órganos de dirección das distintas agrupacións locais da provincia; xa sexan “membros dos comités de dirección elixidos nos congresos, nomeados como membros das xestoras ou, incluso, coma neste caso, máximos responsables do PP nos seus concellos”.