Lugo, 2 de decembro de 2022. O goberno provincial (PSOE-BNG) acerta cando rectifica. É un feito que se acaba de demostrar de novo. Socialistas e nacionalistas rexeitaron no pasado mes de febreiro unha proposta do PP para dixitalizar a rede provincial de estradas e agora anuncian que levarán a cabo tal medida. O portavoz dos populares na Deputación, Javier Castiñeira, sinala que o grupo provincial do PP celebra “que o equipo de goberno da Deputación, agora si, se decida a dixitalizar o inventario de camiños provinciais”. Lembra que “foi unha proposta que levamos ao pleno mediante unha moción no pasado mes de febreiro e, daquela, o equipo de goberno (PSOE e BNG) votou en contra”. Engade que “nós entendiamos que era fundamental, un servizo importante para mellorar o control das estradas, que, como vimos denunciando, están en moi malas condicións”.
Castiñeira considera que a decisión do goberno provincial resulta sorprendente dado “que a súa primeira idea foi o voto en contra”. Os populares cren “que é unha boa idea, e que a Deputación de Lugo acerta facendo caso ao PP”. Espera que sirva “para mellorar as estradas, pero non chega só con dixitalizadas; hai que traballar nelas”. Para Castiñeira, “é unha boa nova” que a dixitalización “se faga con fondos Next Generation, como pedía o PP na súa moción”. O portavoz popular está “seguro de que se o equipo de goberno copiara máis cousas do PP ou se dignara a coller propostas que fai o PP, á provincia iríalle moito mellor; proba diso é que en febreiro presentamos a nosa moción e agora, case rematado o ano, despois de seis meses perdidos, o goberno provincial vén de cambiar de opinión e anuncia a dixitalización da rede viaria”.