Partido Popular de Lugo

O pleno esixe ao goberno vilalbés avanzar no PXOM e na ampliación do polígono e impulsar campañas de dinamización económica polo Nadal a proposta do PP

Vilalba, 25 de novembro de 2022. O pleno da corporación municipal de Vilalba aprobou esixir ao goberno local avances sobre a tramitación do PXOM e da ampliación do polígono industrial Sete Pontes; así coma desenvolver campañas de impulso económico para pequenos autónomos, comerciantes e hostaleiros. Estas foron as dúas mocións que presentaba o Grupo Municipal Popular pola vía de urxencia de forma que “se propiciou o debate e votación por parte dos distintos grupos políticos”, segundo recalca a voceira, Sandra Vázquez.

A popular sinala que “o goberno local amósase nas sesións plenarias comprometido co PXOM e coa ampliación do polígono, pero pasa o tempo e non vemos ningún avance. Unha cousa é a palabra e outra son os feitos que, precisamente, non estamos a ver. Mentres, estamos a perder un valioso tempo para contribuír ao desenvolvemento urbanístico e industrial no noso municipio”.

Os populares cren que “o goberno do PSOE xa vai tarde para impulsar campañas de dinamización do tecido comercial, hostaleiro e o que conforman pequenos autónomos. Xa non chegan para o Black Friday e faltan menos de dúas semanas para a campaña de Nadal sen que o goberno local explique que medidas ten previstas neste sentido. O Grupo Municipal Popular pídelle diálogo cos pequenos autónomos, comerciantes e hostaleiros, que se reúna con eles para consensuar campañas que repercutan na dinamización económica deste sector e revitalicen a economía vilalbesa”.

No caso da moción coa que pedían a comparecencia da alcaldesa ou do concelleiro responsable da xestión do auditorio ante a falta de coidado e mantemento das súas instalacións, “a alcaldesa volveu reconvertela nun rogo e pospuxo para o vindeiro pleno, a finais de xaneiro. É dicir, tardarán dous meses en dar explicacións sobre a situación do auditorio que está a provocar as queixas dos usuarios que se teñen dirixido ao goberno socialista sen obter resposta nin solución”.

Declaración institucional polo 25N

O pleno da corporación aprobou por unanimidade unha declaración institucional con motivo deste 25 de novembro, data na que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a proposta do Grupo Municipal Popular. Vázquez agradece “o xesto de tódolos grupos que permitiu sacar adiante esta declaración coa que recordar o compromiso da corporación municipal na loita contra a violencia de xénero e a prol da igualdade”.