Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba urxe ao goberno “avances no PXOM e na ampliación do polígono”, ademais de iniciativas de impulso económico para pequenos autónomos, comerciantes e hostaleiros

Vilalba, 23 de novembro de 2022. O Grupo Municipal Popular de Vilalba leva ao pleno ordinario da corporación local, pola vía de urxencia, dúas mocións para debater sobre a pasividade do goberno local no que respecta á ampliación do polígono Sete Pontes e á parálise do PXOM. Tamén cre urxente e necesario poñer en marcha iniciativas de impulso económico para pequenos autónomos, comerciantes e hostaleiros.

Coa primeira das iniciativas, os populares pretenden debater e que o pleno da corporación aprobe instar ao goberno local de Vilalba a convocar e reunir, con carácter de urxencia, a Comisión de Urbanismo para avaliar e analizar a situación, a información e os trámites dirixidos á aprobación do PXOM, ao igual que cumprir co acordo plenario aprobado cun apoio unánime o 9 de xuño do 2022 de maneira urxente para avanzar no desenvolvemento da ampliación do polígono Industrial Sete Pontes de Vilalba.

É que “para o PP vilalbés o modelo de futuro do noso concello pasa, indiscutiblemente, por dispoñer dun novo instrumento urbanístico e por ampliar o solo industrial que permita asentar empresas ou ampliar as existentes de forma que se xere emprego que contribúa a dinamizar economicamente o municipio”. A voceira, Sandra Vázquez, cre que “para o goberno do PSOE non é unha prioridade porque eses acordos plenarios quedaron no caixón do esquecemento”. A comisión de seguimento do PXOM que se acordou crear en marzo do 2021 só se reuniu nunha ocasión para a súa constitución o 11 de maio dese mesmo ano e cinco meses do acordo plenario para avanzar na ampliación do polígono non sabemos nada; ademais de que, “cada vez, se atopa en peor estado: marcas viarias case inexistentes, sen rozar e con moita sucidade”.

Vázquez considera que “se deben dar pasos en positivo polo ben do crecemento económico da vila, pola creación de emprego e pola dinamización dos nosos autónomos e empresarios”.

O Grupo Municipal Popular tamén propón “instar ao Concello de Vilalba a poñer en marcha campañas de dinamización do comercio cunha partida económica axeitada ás circunstancias actuais, co obxecto de dinamizar e reactivar dito sector en Vilalba e revisar as actuacións que ten o equipo de goberno que afectan negativamente e prexudican aos vilalbeses”.

Os populares cren que “as administracións teñen que estar á altura da actual situación marcada pola consecuencias económicas da pandemia e da suba da inflación. Máis que nunca as administracións deben actuar de maneira áxil e eficiente, nun dos momentos más sensibles para os pequenos autónomos, comerciantes e hostaleiros vilalbeses que teñen que facer fronte a unha baixada das vendas e unha suba dos gastos”.

Convenio co Hospital Asilo

“Fai escasas semanas o equipo de goberno socialista presentaba en sesión plenaria un reparto das subvencións nominativas sen previa comunicación, sen debate e sen consenso nin cos grupos políticos nin coas entidades beneficiarias”. Tendo en conta “o recorte de 40.000 euros na subvención nominativa a unha institución social e de gran recoñecemento social e humano como é o Hospital Asilo de Vilalba”; o Grupo Municipal Popular instará aos responsables do goberno do Concello a “reunirse, informar e conveniar coa Fundación Hospital Asilo de Vilalba un novo acordo”.