Burela, 23 de novembro de 2022. “O goberno local socialista de Burela segue a escorrer o vulto”, segundo lamenta o voceiro popular, Manuel Rouco, que esixe “explicacións ao señor Llano sobre os seus incumprimentos sistemáticos”.
O popular incide en que “o señor Llano non está a cumprir co que lles prometera aos veciños da rúa Rosalía de Castro en relación ás obras de acondicionamento que está a executar o Concello. Despois de múltiples denuncias veciñais, decidiu reunirse con eles e prometeu presenza policial para regular o tráfico na zona; así coma a habilitación dun desvío por unha rúa paralela; pero nada de nada”.
“Aos comerciantes ambulantes prometeulles habilitar unha solución antes de final de ano para modificar a localización do mercado semanal, pero nada de nada. Tamén asegurou que o edificio da antiga Capitanía ía ter ascensor para facilitar ás persoas con dificultade de mobilidade o acceso ao segundo piso onde se atopa, por exemplo, o xulgado de paz; pero nada de nada”, engade Rouco.
Igualmente, explica que “o señor Llano tamén se comprometeu a aumentar o grao de transparencia e facilitar o acceso á información por parte dos veciños e veciñas; pero disto tampouco nada se sabe”. Neste sentido, o voceiro popular sinala que “en lugar de ter publicadas as modificacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no Portal de Transparencia, obriga aos veciños e veciñas a ir á Casa do Concello solicitar a documentación para consultar as modificacións, o que nalgúns casos, supón un trastorno para os bureleses”.
ALUMEADO DE NADAL
“E non só isto, o goberno socialista segue a cometer os mesmo erros unha e outra vez. Non nos referimos ás múltiples promesas electorais incumpridas; senón de asuntos de maior actualidade como, por exemplo, a falta do alumeado de Nadal nas nosas rúas que favoreza a actividade típica destas datas na nosa vila e, en especial, cando noutros concellos da zona xa se empezou a preparar”.
Rouco cre que “estas son as probas de que Burela, por desgraza, unha vez máis, debido ao goberno local socialista, segue á cola dos concellos da Mariña no canto de liderar a actividade na nosa comarca”.