Burela, 22 de novembro de 2022. No ano 2021 o goberno municipal de Burela anunciou con gran aparato propagandístico que dedicaba 181.000 euros a axudas a comerciantes, autónomos, hostaleiros e familias en situación difícil para facer fronte á situación creada pola pandemia de Covid-19. O portavoz popular, Manuel Rouco, di que o alcalde, Alfredo Llano (PSOE), recoñece que, da citada cantidade, só se empregaron para o fin indicado un total de 58.000 euros. Os populares queren saber a que se dedicaron os cartos previstos para axudas que non se destinaron a este obxectivo.
Rouco destaca o feito de que do importe total previsto só un terzo acabara chegando aos destinatarios, é dicir, comerciantes, autónomos, hostaleiros e familias en dificultades. “O máis grave é que o alcalde non quere aclarar onde van os cartos non empregados como axudas e limítase a dicir que nalgún lado estarán”. Rouco puntualiza: “Este é o alcalde de Burela en estado puro, este é o verdadeiro señor Llano”; queda perfectamente reflectido, di o portavoz popular, nesa expresión que supón unha falta de respecto a todos os veciños de Burela.
Manuel Rouco non deixa de destacar a explicación dada polo alcalde en relación a por que non se empregou a cantidade total prevista para as axudas para paliar as consecuencias da Covid-19. “Di que non fixeron falta máis cartos; é un verdadeiro insulto, especialmente coa que está a caer en Burela”.
Os populares teñen clara a verdadeira causa de que non se repartiran todos os cartos previstos para ditas axudas. Rouco explica: “En Burela todos sabemos cal foi a causa: debeuse á complexidade das bases, decididas polo goberno socialista, que regulaban ditas axudas. No seu momento avisamos dos problemas que traerían estas bases, pero no goberno non fixeron caso”.