Partido Popular de Lugo

Katy Varela denuncia a “lamentable situación” dos aparcadoiros públicos no centro de Monforte

Monforte de Lemos, 22 de novembro de 2022. O Partido Popular de Monforte presentará, na sesión do pleno da Corporación do próximo luns, 28 de novembro, unha moción para solicitar o arranxo dos aparcadoiros públicos do centro da cidade, que na actualidade presentan un estado de deterioro e abandono que dificulta o acceso e estacionamento dos vehículos e o tránsito dos peóns.


A portavoz popular, Katy Varela, denuncia na moción o lamentable estado que presentan actualmente os aparcadoiros da Rúa Hortas, Rúa Conde e Rúa Xulio Camba, tres superficies de estacionamento público no centro de Monforte que están cheas “de enormes fochancas e pozas de auga que as fan intransitabeis e deterioran a imaxe da cidade”, suliña.


Katy Varela reclama ao grupo de goberno do Concello que cumpra coa súa obriga de manter e arranxar estes terreos privados de uso público, e que na actualidade teñen unha enorme demanda ao ser as tres zonas de aparcadoiro máis céntricas da cidade e no entorno do casco histórico. A proposta alude de xeito especial ao aparcadoiro situado na céntrica Rúa Hortas, que na actualidade presenta un estado de enorme deterioro e difícil acceso. A voceira suliña que, segundo o contrato de arrendamento deste terreo firmado polo propio alcalde José Tomé co propietario do mesmo o pasado mes de maio, o Concello “ademáis de pagar a renda pactada, comprométese segundo a cláusula segunda, a levar a cabo as reparacións necesarias no inmoble para cumprir coa función sinalada no contrato”.


Varela engade que o grupo popular recibiu abundantes queixas de usuarios habituais destes estacionamentos, especialmente veciños procedentes de parroquias próximas ao casco urbano de Monforte, que protestaron polo mal estado que presentan e polas irregularidades do terreo, que dificultan e praticamente impiden a súa utilización “especialmente por persoas de idade avanzada”.


Katy Varela reclama ao alcalde que cumpra coa súa obriga para manter de xeito adecuado este servizo para veciños e visitantes. “Se vostede presume dos orzamentos máis sociais o que ten que facer é manter conservar en perfectas condicións este servizo de atención aos cidadáns de Monforte”, remata Katy Varela.