Lugo, 19 de novembro de 2022. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, clausurou esta mañá a xornada sobre muller, discapacidade e violencia que se celebrou na sede dos populares lucenses organizada pola Comisión de Igualdade con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Candia incidiu na necesidade de seguir traballando dende as administracións para loitar contra os distintos tipos de discriminación e de violencia de xénero. “Os representantes políticos temos a obriga de traballar para protexer os dereitos das mulleres; e non para deixalas desamparadas como está a facer a coñecida como ‘Ley del solo si es si’ aprobada polo Goberno de coalición PSOE-Podemos co apoio doutros grupos e que posibilita a rebaixa das condenas por abusos sexuais”.
O acto comezou coa intervención da vicesecretaria de Igualdade do PP lucense, Susana López Abella, tamén secretaria xeral de Igualdade, que foi presentada pola concelleira Macamen López Silva e continuou cun coloquio no que participaron representantes de varios colectivos sociais relacionados coa diversidade funcional que tamén expuxeron as súas demandas. As populares tiveron palabras de “agradecemento e recoñecemento ao importante labor que realizan estes colectivos” e, concretamente, tiveron moi en conta que “as mulleres con discapacidade se enfrontan a unha dobre discriminación: polo feito de ter unha discapacidade e polo feito de ser muller”.
López Abella informou, durante a súa intervención, sobre as distintas liñas de axuda que ten a Xunta de Galicia en relación coa muller, a igualdade e a discapacidade. Puxo en valor o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 que ten como reto “avanzar na loita contra as discriminacións e previr a violencia de xénero para conseguir una igualdade de xénero real e efectiva en todos os ámbitos”.
O documento conta con oito ámbitos específicos, entre os que López Abella salientou o dedicado á educación para a igualdade e a prevención das violencias contra as mulleres para reforzar a coeducación como instrumento de transformación para acabar coas desigualdades.O Plan incide tamén noutros eidos como son a empregabilidade, emprendemento e eliminación da fenda salarial, co reto de eliminar os desequilibrios de xénero no ámbito laboral, con especial énfase no emprendemento innovador; as mulleres na ciencia e na investigación, co fin de configurar un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de forma efectiva o principio de igualdade e aproveite o talento feminino; ou a promoción da conciliación e corresponsabilidade no uso dos tempos.
Susana López Abella tamén destacou a importancia de promover políticas sectoriais para o benestar, a cohesión social e o reto demográfico co fin de asegurar o benestar integral das mulleres na súa diversidade e de levar a cabo acción de intervención para a erradicación da violencia de xénero, para conseguir o rexeitamento social da violencia e garantir unha resposta institucional efectiva para a atención das vítimas.
López Abella tamén se referiu ás políticas activas de emprego da Xunta nas que as persoas con discapacidade, as mulleres e as vítimas de violencia de xénero son colectivos prioritarios de numerosos programas públicos con beneficios tales como un acceso prioritario ou apoios de maior intensidade. Puxo en valor, ademais, o Plan Emprega Muller e o Plan Emprega Discapacidade e Exclusión Social, que suman entre os dous máis de 74 millóns de euros para apoiar a formación e o acceso a un traballo destes colectivos.
CAMPAÑA ‘QUE FARÍAS TI’ López Abella lembrou a campaña Que farías ti? que promoven de xeito conxunto a Xunta e a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) co reto de visibilizar as violencias e problemáticas que experimentan as mulleres con discapacidade, en especial a violencia sexual, e de sensibilizar e reclamar máis implicación social na prevención da violencia. A iniciativa, coa que colabora a Consellería con 60.000 euros, baséase en catro pezas audiovisuais que se nutren de experiencias de usuarias de Acadar. Son catro historias diferentes con guións que xorden de encontros e obradoiros con mulleres con discapacidade. Catro directoras, Noemí Chantada, Lucía Vilela, Mar Catarina e Xiana do Teixeiro levaron a cabo os vídeos nos que non só hai que ver, ler ou escoitar, tamén participar activamente para que a historia continúe.