Partido Popular de Lugo

Isaac Lamas anuncia a súa intención de non repetir como candidato nas vindeiras municipais

Ribas de Sil, 16 de novembro de 2022. O portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribas de Sil, Isaac Lamas, anunciou nunha reunión con afiliados da agrupación local celebrada este martes a súa intención de non repetir como candidato nas vindeiras eleccións municipais de maio do 2023.

Lamas é concelleiro dende o ano 2011 e continuará ata o remate deste mandato como voceiro do Grupo Municipal Popular “exercendo o meu labor como concelleiro e atendendo ás responsabilidades como representante dos veciños na corporación municipal”. Nese sentido, traslada o seu agradecemento aos veciños polo seu apoio e ao Partido Popular da provincia “pola confianza que depositaron en min durante 11 anos. É momento de renovación e tanto a agrupación local coma a provincial contarán coa miña colaboración”.

A dirección provincial amosa o seu agradecemento “polo seu traballo defendendo os intereses dos veciños e polo seu compromiso co Partido Popular da provincia ao que leva vencellado dende que tiña 21 anos”.

O PP nomeará en próximas datas a persoa que se encargará de presidir a xunta xestora da formación local, un equipo que deberá traballar para chegar forte ás vindeiras eleccións municipais.