Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro reclama ao goberno local que execute canto antes o acordo plenario para renovar a beirarrúa esquerda entre Xunqueira e Magazos

Viveiro, 15, novembro de 2022. Á vista de que o Concello parece incapaz de sacar adiante o proxecto para a renovación das redes de servizos e da beirarrúa dereita no tramo comprendido entre Xunqueira e Magazos, o grupo municipal do PP propuxo na máis recente sesión plenaria que o Concello asuma a renovación da beirarrúa esquerda en dito tramo. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, reclama do goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, que adopte as medidas necesarias para executar a citada obra, para dar cumprimento ao acordo plenario.

Rodríguez di que unha vez máis quedou demostrada a falta de capacidade do goberno local para xestionar os intereses públicos dos veciños de Viveiro. Esa incapacidade provocou no seu momento que o Concello quedara fóra da aportación correspondente ao canon eólico, coa que quería financiar a construción da  beirarrúa dereita no citado tramo e a renovación das redes de servizos. O asunto acabou en vía xudicial, onde aínda non se resolveu. Dado que a construción da beirarrúa dereita non se executará a curto prazo, os populares, queren que o Concello dea cumprimento ao acordo adoptado no pasado pleno, a proposta súa, e que, cos seus propios medios, constrúa a beirarrúa esquerda.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que é necesario que a estrada neste tramo conte con beirarrúas en bo estado, dado que rexistra un intenso tráfico rodado e, polo tanto, os peóns teñen que poder camiñar con seguridade.