Partido Popular de Lugo

Olga Iglesias Fontal repite na presidencia do PP de Triacastela, á fronte dunha directiva moi ampla e representativa

Triacastela, 12 de novembro de 2022. A alcaldesa, Olga Iglesias Fontal, repite na presidencia do PP de Triacastela como resultado do congreso celebrado esta mañá polo Partido Popular desta localidade da montaña lucense, cunha candidatura única. Ao congreso asistiron, entre outros membros da dirección provincial, o coordinador xeral e portavoz, José Manuel Balseiro, e o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal. Dende a dirección provincial sinalan que o partido actualízase e refórzase de cara ás eleccións municipais, para conseguir de novo o goberno municipal, pero con resultados aínda mellores que nas anteriores eleccións locais.

A dirección popular que sae deste congreso e ampla a moi representativa. A vicepresidencia de honor recae en María Isabel Fontal Pérez. A secretaría xeral queda a cargo de Bautista Arias Pombo. É vicesecretario de acción electoral Óscar Fontal Caldeiro, e vicesecretario de acción Territorial, Luis López Arias. A dirección popular complétase con 16 vocais.

Olga Iglesias sinala que asume de novo a presidencia local do partido con humildade e con reforzada vocación de servizo aos seus veciños. O obxectivo é moi claro: conseguir por cuarta vez consecutiva gobernar en Triacastela, e completar así os obxectivos marcados para continuar mellorando a calidade de vida dos veciños do municipio.

Iglesias Fontal insiste en que se enfronta ao novo período como presidenta do PP local con humildade e moitas ganas de traballar. E afondando en dúas liñas seguidas ata agora na relación cos veciños de Triacastela: Escoita activa, para coñecer as inquietudes e os problemas reais, e proximidade.

Entre os obxectivos, sinala Olga Iglesias, están, como non pode ser doutra maneira, traballar para favorecer a creación de postos de traballo e asentar poboación. Nesa liña, está o de avanzar na mellora das infraestruturas e nas prestacións sociais, especialmente no que se refire aos nenos e aos máis maiores.