Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba propón que “o Concello se implique na reactivación económica do comercio a través do impulso de campañas de dinamización»

Vilalba, 12 de novembro de 2022. O PP de Vilalba é consciente da delicada situación que atravesan moitos sectores debido á suba dos prezos en xeral e da enerxía en particular. En relación ao comercio, os populares cren que “as administracións deben actuar de maneira áxil e eficiente e, polo tanto, que o Concello debe implicarse para fortalecer a súa reactivación económica”. É por iso polo que urxen ao goberno municipal socialista a organizar ou colaborar cos comerciantes e hostaleiros para o desenvolvemento dunha campaña de dinamización “agora que estamos ás portas do Nadal”. De feito, “en menos de dúas semanas terá lugar o Black Friday como inicio á campaña de Nadal; pero por parte do goberno local aínda non teñen anunciado ningún tipo de medida de apoio que sirva como revulsivo para as vendas nos establecementos de Vilalba”, sinala a presidenta do PP, Sandra Vázquez. E engade tamén que “as campañas comerciais contribúen tamén á dinamización social e son un atractivo para atraer visitantes e, polo tanto, beneficios para outros sectores coma o hostaleiro”. A popular condena “a falta de implicación do actual goberno co sector comercial vilalbés”.

Así mesmo, Vázquez explica que “dende o Grupo Municipal levamos ao pleno de setembro unha iniciativa para instar ao Concello a levar a cabo unha campaña de apoio ao pequeno comercio de Vilalba, establecendo unha partida económica axeitada, co obxectivo de dinamizar e reactivar o sector comercial; pero a alcaldesa decidiu que este non era un tema sobre o que debía manifestarse a favor ou en contra. Outra mostra do desprezo por parte do goberno local ao un sector relevante para o municipio que se engade ao que amosan os socialistas coa súa decisión unilateral de converter a rúa da Pravia en dirección única que está a prexudicar aos comercios da zona”.

MOITO SLOGAN E POUCOS FEITOS

A popular lamenta que “os slogans do goberno local para promover as compras no comercio local se queden só en iso, palabras; e non en feitos”. Así o considera Vázquez porque “dende o goberno socialista que preside a señora Veleiro non puxeron en marcha ningún tipo de acción nin plan concreto para contribuír a dinamizar a actividade dos negocios de distinto tipo que hai na nosa vila”. A voceira do Grupo Municipal Popular engade, ademais, que “outros concellos gobernados por partidos de distintas cores ao longo do ano poñen en marcha ou colaboran coas asociacións comerciais para desenvolver distintas campañas de dinamización do comercio local”. Nese sentido, cita exemplos nos que tamén o comercio é un sector económico de peso coma en Foz, Ribadeo ou Chantada. Son vilas da nosa provincia gobernadas por distintos partidos, pero que son conscientes da necesidade de reactivar o sector e aplican medidas con ese obxectivo”.