Partido Popular de Lugo

O PP faise eco das queixas dos veciños de Outonín e reclama ao alcalde que consolide o acceso ao pobo ante o risco de novos derrubes

Samos, 11, novembro de 2022. A vida na montaña en inverno non é especialmente fácil e, cando as infraestruturas non están nas debidas condicións, aínda se volve máis complicada. En Outonín, na parroquia de San Cristovo de Lóuzara, están seriamente preocupados porque o goberno local no dá resposta á necesidade de mellorar o acceso, no que temen que se produzan novos derrubes de maneira que poden quedar illados. O portavoz do PP en Samos, José Fernández, faise eco das queixas dos veciños e insta ao alcalde a tomar as medidas necesarias para asegurar que non se repitan os problemas que xa se viviron no acceso a este núcleo de poboación.

No camiño que sirve de acceso a Outonín houbo meses atrás un afundimento que complicou moito a vida aos veciños durante un tempo. A reparación que se fixo no seu momento tivo carácter provisional, pero finalmente nada se volveu a facer para mellorar este acceso ao pobo. Agora, coa chegada do inverno, os veciños temen que se volvan producir desprendementos.

Do carácter provisional da reparación levada a cabo no seu momento da idea de que, pese ao profundo barranco sobre o que discorre o acceso, o único que identifica o final do camiño con respecto ao precipicio é unha cinta roxa, inestablemente instalada sobre uns ferros.

O portavoz popular, José Fernández, sinala que é preciso que o Concello (é unha vía municipal) adopte cantos antes medidas para consolidar o terreo, de maneira que se evite o risco de novos afundimentos. Ademais é preciso, di Fernández, instalar ou un pequeno muro ou un quitamedos para evitar o risco de que algún vehículo poida caer ao barranco.