Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde propón crear un servizo para varrer as rúas da vila e suxire que se recolla no orzamento para o 2023

Castroverde, 10, novembro de 2022. O visitante que chega a unha poboación ten varios indicadores para coñecer como funciona o goberno local. Un deses parámetros é a limpeza viaria. En Castroverde, veciños e visitantes comproban todos os días que o aseo urbano non é unha prioridade do goberno municipal presidido polo socialista José María Arias. Así o sinala o portavoz popular, Rubén Otero, que reclama a creación dun servizo de varrido de rúas, que inclúa o baldeo frecuente de calzadas e beirarrúas.

O portavoz popular, Rubén Otero, di que con frecuencia son os propios veciños os que se encargan de varrer as beirarrúas diante dos portais dos seus edificios ou dos seus negocios. É máis, nalgún caso proceden a facer labores de baldeo con aparatos de auga a presión, á vista da sucidade que presenta o pavimento.

Otero sinala: “O goberno local ten que demostrar un mínimo de sensibilidade para manter nas debidas condicións á vila de Castroverde. E unha parte fundamental é a limpeza viaria, que non se está a facer máis que moi ocasionalmente. Xa é hora de que en Castroverde haxa algún varredor ou varredora”.

Os populares indican que de cara ao orzamento do próximo ano, o Concello debe prever xa a creación do servizo para varrer as rúas da vila. Otero sinala: “Se está vinculado á recollida de lixo, estará ben; se é unha prestación aparte, tamén pode ser. O caso é que todos os días se varran algunhas rúas da vila, porque é a única maneira de que estean limpas, como deben estar”.