Partido Popular de Lugo

O PP de Muras faise eco das queixas dos veciños polas molestias que causan as obras de humanización da Praza da Galeguidade

Muras, 08, novembro de 2022. A conservación e renovacións das infraestruturas é condición indispensable para que os cidadáns teñan mellor calidade de vida. As obras que se levan a cabo para humanización da Praza da Galeguidade do Concello de Muras chegan tarde e provocan incomodidades que levantan as protestas de numerosos veciños. O PP de Muras faise eco das queixas veciñais e demanda que os traballos se axilicen todo o posible.

A citada praza é un tramo dunha estrada provincial (LU-P 6602), na que a institución titular desta vía inviste uns 220.000 euros. O alcalde, mediante un bando, anunciou no seu momento que no tramo urbano a estrada estaría cortada ao tráfico entre os días 2 e 15 do mes en curso, co fin de levar a cabo os traballos de pavimentación; ata hoxe non se levou a cabo o corte da vía. Os veciños expresan queixas polo feito de que agora non se sabe cando está previsto reabrir ao tráfico este tramo.

A portavoz popular, María Eugenia Requeijo, sinala que a planificación das obras  debe levarse a cabo pensando en reducir ao mínimo os inconvenientes que xeran aos veciños. Neste caso, destaca que son moitas as queixas que causa a maneira en que se levan a cabo os traballos.

Os populares reclaman do Concello que inste á Deputación a acometer as obras tan rápido como sexa posible e da maneira que causen as menores molestias posibles aos veciños.