Foz, 07, novembro de 2022. O goberno de Foz, presidido polo socialista Fran Cajoto, ten dadas sobradas mostras da súa limitada capacidade de xestión. O portavoz popular, Javier Castiñeira, indica que “unha vez máis temos que denunciar a incompetencia e a falta de xestión do señor Cajoto e do seu equipo, un equipo de goberno que é o máis amplo e o máis caro que xamais tivo o Concello de Foz; neste caso demostra unha vez máis a súa incompetencia á hora de xestionar as contas municipais”.
Castiñeira explica: “Hai poucos meses aprobáronse os orzamentos para este mesmo ano 2022, que viñeron tardíos e con dificultades das que apercibiu o PP no mesmo pleno. Había partidas que eran absolutamente insuficientes, debido a alta inflación e á suba dos custos; comparado con anos anteriores, entendíamos que serían insuficientes”. Agrega: “Pasou o que viña dicindo o PP, como pasa moitas veces. E agora convócannos a un pleno extraordinario para aprobar unha modificación de crédito do orzamento, por case un 10% do que ten o orzamento (802.000 euros), cos que basicamente se suplementa as partidas que dicía o PP. Por exemplo, de enerxía eléctrica 225.000 euros máis, e traballos como acondicionamento de camiños que tamén se levan cantidades grandes”.
Unha vez máis, sinala o portavoz popular, “o PP volveu ter razón cando dicía que os orzamentos que presentaba o señor Cajoto non eran reais, e non contemplaban a inflación”. Engade: “Agora, a finais de ano veñen 802.000 euros máis, o que practicamente representa un 10% dos orzamentos que se aprobaron hai uns meses”.