Partido Popular de Lugo

O PP esixe «coñecer as contas reais da Deputación de Lugo para 2023 e non os contos de Tomé»

Lugo, 4 de novembro de 2022. Un ano máis, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, incorreu na inelegancia de presentar antes os orzamentos para o próximo ano no Parlamento de Galicia que aos membros da corporación provincial. É, segundo sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, un orzamento (110 millóns) no que o Plan Único só representa un 20% (no primeiro ano, é dicir, no 2017, o 24%) a pesar de que os custos se incrementaron tamén nun 20%. Os populares interpretan, á vista dos datos dados a coñecer, que Tomé acumula fondos para a campaña das próximas eleccións locais. No PP din que aínda seguen sen coñecer as contas reais, “porque só sabemos cales son os contos de Tomé, e por iso esiximos, como deputados provinciais, que nos informe e que nos dea as contas reais, para sobre elas poder opinar”.

Castiñeira sinala: “No grupo provincial do PP sentímonos decepcionados e  tamén avergoñados da presentación on line que fixo no día de onte o señor Tomé dos orzamentos da Deputación de Lugo para o ano 2023. Dicimos on line porque non a fixo na provincia de Lugo, polo que non puidemos escoitalos directamente en San Marcos, nin os deputados nin o resto dos lucenses, e tivemos que velo por vía telemática, porque os presentou en Santiago, no Parlamento de Galicia”.

O portavoz popular explica: “Estamos decepcionados coa actitude do presidente da Deputación de Lugo, que se dedicou a criticar os orzamentos da Xunta de Galicia; o señor Tomé foi no día de onte a facer de deputado autonómico e non de presidente da Deputación de Lugo; non se pode  ir como presidente da Deputación a criticar os orzamentos da Xunta cando te chaman para presentar os da Deputación. Dos poucos datos que deu, temos moitas dúbidas, porque os orzamentos de todas as deputacións medran para o 2023 ao redor dun 6,5%, tal como avanzaron ás de Ourense e Pontevedra, mentres na de Lugo  sube un 10% con respecto ao 2022, é dicir, de 100 millóns pasamos a 110 millóns de euros”.

Os populares interpretan que “a estratexia do goberno provincial é cargar os seus tanques electorais e facer da Deputación o arsenal político ao que nos teñen acostumados cada vez que remata unha lexislatura e empeza outra”. Engaden que “o uso  dos fondos públicos para facer política non é  unha novidade para o señor Tomé, que sabe perfectamente que a Deputación de Lugo o leva facendo dende hai moitos anos”.

Castiñeira declara: “Entendemos que  eses máis de 10 millóns de euros con respecto ao ano pasado deberían ir a un reparto obxectivo entre todos os concellos, pero moitos tememos que só sexan uns concellos os que se  vexan beneficiados. A proba é que se devalúa o Plan Único, que cando naceu no 2017 supoñía un 24% do orzamento total e,  agora,  só suporá un 20% para o 2023, a pesar do incremento no 20% dos custos con respecto ao 2017”.  Así se minusvalora, din no PP, “a aportación do Plan Único aos concellos”.

Castiñeira explica: “Mentres avanzan os orzamentos o Plan Único mingua. O Plan Único é a cooperación obxectiva co total dos concellos; isto parécenos dunha falta de transparencia absoluta e unha falta de respecto aos concellos e especialmente aos máis pequenos, que son os que máis van sufrir o sectarismo do señor Tomé, que fai da Deputación unha administración que traballa para os privilexios electorais dalgúns”.