Elena Candia puxo en valor que a Xunta de Galicia é a administración que máis inviste “con diferencia” en Lugo e reclamou o mesmo trato ao Goberno central
- O presidente do PPdeG puxo en valor o traballo dos populares de Lugo “pisando a rúa nos seus 67 concellos, falando coa xente, preparando un proxecto que devolva a ilusión aos lucenses, recollendo e mellorando o traballo feito e facendo a política máis útil para a provincia”
- “O Lugo que ofrece o Partido Popular é o que queren a maioría dos lucenses: un Lugo innovador, de oportunidades, amable, conectado e coas infraestruturas que merece”, engadiu
- Asegurou o líder dos populares galegos que “nos Orzamentos de 2023 a Xunta investirá en cada lugués máis que en calquera outro habitante do resto das provincias” e cifra en máis de 1.700 millóns de euros o investimento autonómico en Lugo para “favorecer o seu benestar e impulsar a súa prosperidade”
- “As contas para o próximo ano vannos permitir mellorar o HULA, o Hospital da Mariña, ultimar o centro de saúde do Barrio da Residencia e tratar de incorporar a 130 profesionais; así como apostar por infraestruturas como a Ronda Leste e por máis coidados e centros como o de Antas de Ulla e a reforma do das Gándaras”, anunciou
- Alfonso Rueda non dubidou en afirmar que “Elena Candia é a mellor candidata para conseguir un Lugo mellor” e por iso se mostrou convencido de que “os lucenses a escollerán como a alcaldesa que merecen e necesitan”
- “Elena Candia é unha servidora capaz e con carácter que ten demostrado que non lle asustan os retos difíciles. Malia todas as circunstancias que lle podían aconsellar non dar un paso á fronte, ela escolleu Lugo”, salientou
Elena Candia: «Rueda cumpre a palabra dada»
- A presidenta provincial e candidata á alcaldía de Lugo, Elena Candia, puxo en valor que a Xunta de Galicia é a administración que máis inviste con diferencia en Lugo e contrapuxo esta actitude coa do Goberno central
- “Fronte a un Pedro Sánchez que esnaquizou todos os proxectos de infraestruturas proxectados co goberno de Mariano Rajoy; Alfonso Rueda non só cumpre a palabra dada, senón que fai realidade iniciativas tan importantes para os lucenses como a Rolda Leste”, afirmou
- Candia reivindicou as emendas presentadas polos populares aos Orzamentos Xerais do Estado para 2023, nas que piden “alto e claro” que non se desconecte a Lugo da Alta Velocidade; “e para iso hai que recuperar a construción das variantes eliminadas”, dixo
- En clave local, a candidata á alcaldía prometeu que seguirá traballando coas asociacións, colectivos e o tecido socioeconómico de Lugo para “construír man a man un verdadeiro proxecto de cidade” e lembrou que seguen renovando as agrupacións locais para ter proxectos gañadores que axuden a conseguir a Deputación