Partido Popular de Lugo

O PP lucense reta ao PSOE a aceptar as súas emendas aos PGE 2023 en beneficio da provincia, por un importe de máis de 47 millóns de euros

Lugo, 31 de outubro de 2022. O deputado popular no Congreso Joaquín García Díez e o senador José Manuel Barreiro compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer as emendas xa presentadas polo PP lucense no Congreso, para que “a provincia de Lugo non quede esquecida nos Presupostos Xerais do Estado (PGE) para o 2023 do Goberno de Sánchez”. Concretamente, os populares propoñen 30 emendas por máis de 47 millóns de euros coas que “recuperar proxectos que xa estaban comprometidos e aos que non debemos renunciar”. Trátase, segundo explicaron, “daqueles compromisos que o Goberno de Rajoy tiña adquiridos coa provincia e a cidade de Lugo. Pedimos que se cumpran eses compromisos, non pedimos una cousa diferente”. Para os populares “este é o momento no que os socialistas lucenses deben manifestar se se comprometen coa provincia ou non”.

Das 30 emendas, a metade diríxense a corrixir déficits en materia de comunicacións por estrada con case 20 millóns de euros. Os populares esixen avanzar nunha actuación paralizada polo Goberno de Sánchez como é a A-74, a autovía da Mariña; a A-56 entre Lugo e Ourense ou na circunvalación da A-76 en Monforte. Igualmente, defenden a creación do intercomunicador entre a A-54 e a N-540 en Guntín para o que propoñen unha partida de 2,6 millóns de euros e advirten de que “o Goberno de Sánchez atrasa o remate da A-54 entre Lugo e Santiago ata finais do 2024”.

En relación ao municipio de Lugo, as emendas recollen tres actuacións importantes: o estudo e proxecto para o desdobramento e iluminación da rolda norte; a redacción de estudos para o desdobramento da N-VI entre Garabolos e o enlace coa N-540; e a redacción de estudos sobre as vías de servizo paralelas á autovía A-6 entre os p.k. 497 e 500 en ambos sentidos, “para mellorar as entradas e saídas aos polígonos industriais de As Gándaras e O Ceao”.

A través das emendas rexistradas, os populares lucenses esixen tamén actuacións de conservación na N-540, na N-120 e na autovía A-6 na provincia de Lugo debido ao seu deficitario estado. Inclúen tamén outra dirixida á mellora da seguridade viaria na N-VI, coa instalación dunha glorieta no p.k. 513,67, en Outeiro de Rei. Igualmente, esixen a renovación do firme, trazado e sinalización na N-634 en todo o percorrido entre os municipios de Abadín, Mondoñedo e Lourenzá que constitúe a vía alternativa á A-8 cando a autovía pecha por mor da néboa e, igualmente, sinalan a necesidade de renovación do trazado e o firme na estrada N-120A entre os p.k. 526,600 e 531,800, no concello de Pantón.

O deputado Joaquín García Díez sinalou que “as cantidades destinadas á conservación das estradas do Estado na nosa provincia xa chegara ao 100% de execución a 31 de agosto”. Isto “pon de manifesto a escasa dotación destinada a mellorar a seguridade e o firme das nosas principais vías de comunicación e xustifica as emendas presentadas polos deputados populares por Lugo”.

En relación ao ferrocarril, os populares presentaron un total de tres emendas por un importe de máis de 25 millóns de euros. Unha das propostas recolle o incremento da anualidade orzamentada para 2023 para impulsar a moi necesaria renovación da liña Monforte-Lugo do corredor noroeste incluíndo as variantes de Rubián e Canabal-Os Peares, imprescindibles para reducir os tempos de conexión”. Igualmente, poñen de manifesto que “o Goberno non contempla no proxecto de PGE para o 2023 unha partida para estudar a viabilidade para a conexión ferroviaria entre a cidade de Lugo e Santiago e de Lugo coa Mariña lucense; que é “unha iniciativa dos populares aprobada no Congreso sen o apoio do PSOE”.

En materia de seguridade cidadá,os popularespresentaron 10 emendas que superan os 2,5 millóns de euros para “cumprir cos compromisos xa adquiridos en exercicios orzamentarios anteriores e iniciar o proxecto para a construción dunha nova Comisaria de Policía na cidade de Lugo. Así mesmo, os populares demandan a creación dunha unidade de seguridade cidadá na Comandancia da Garda Civil (USECIC) en Lugo. Do mesmo xeito, demandan a creación dunha unidade de Prevención e Reacción na Comisaría da Policía Nacional en Lugo, tal e como fora aprobada na Comisión de Interior do Congreso o 12 de marzo do ano 2021. Igualmente, rexistraron dúas emendas para ter en conta no plan de reformas dos centros penitenciarios aos de Bonxe e Monterroso.

Por outra banda, os populares esixen ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un orzamento de 300.000 euros para a redacción de proxectos de saneamento e depuración en Portomarín e Castro de Rei, situados na Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así coma para a eliminación de pluviais e tanque de tormentas en Chantada.

Outra das emendas dos deputados lucenses do Partido Popular é a relacionada coa redacción de estudo para declarar o proxecto de “Gran Senda do Navia” como obra de interese xeral para a que propoñen 100.000 euros. Nese sentido, esíxenlle ao Goberno dotación presupostaria para dar cumprimento ao acordo adoptado no Congreso a través dunha Proposición No de Ley do Grupo Popular.

Proxectos a favor dos lucenses

O deputado Joaquín García Díez sinalou que estas propostas recollen “partidas abordables tanto pola súa contía como polo seu enfoque. Non se trata de emendas demagóxicas; senón de proxectos demandados polos lucenses”.

Pola súa banda, o senador José Manuel Barreiro dixo: “Queremos saber se os representantes socialistas no Congreso e no Senado, e tamén se os líderes socialistas desta provincia e da cidade, están dispostos a esixirlle ao Goberno que cumpra con Lugo. Teñen agora a oportunidade de manifestarse a favor ou en contra dos lucenses”.