Láncara, 27 de outubro de 2022. O PP de Láncara sae ao paso das declaracións de Pablo Rivera en relación ao nomeamento da nova presidenta da xestora da formación local, Olga Capón Moreno, sinalando que “Pablo Rivera non vive nin nunca viviu en Láncara, municipio do que é concelleiro”.
Os populares consideran, polo tanto, que “o deputado provincial e tenente de alcalde de Láncara non é quen de dar leccións” porque “el non vive no municipio como tampouco fan outros membros do goberno local do PSOE”. Os populares condenan, polo tanto, “a dobre vara de medir” do socialista.
Así mesmo, aclaran que a nova responsable do Partido Popular a nivel local “non é ningunha paracaidista. Olga Capón é unha persoa traballadora que vive na Pobra de San Xiao e implicada con Láncara, o que considera o seu concello natal e ao que sempre estivo vinculada por motivos familiares e polo seu apego ao lugar e ás súas xentes”. Ademais, “ten moita ilusión por cambiar Láncara escoitando a tódolos veciños e veciñas dende o respecto e a humildade, como ela mesma ten manifestado”.