Madrid, 27 de outubro de 2022. Os deputados galegos do Grupo Parlamentario Popular no Congreso os veñen de esixir explicacións a través dunha serie de iniciativas presentadas na Cámara Baixa sobre o cambio de postura do Executivo de Pedro Sánchez en relación á decisión de localizar o pecio do buque afundido Villa de Pitanxo en augas de Terranova (Canadá).
Os deputados do PPdeG no Congreso solicitaron a comparecencia en Comisión da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, reclamando máis información sobre o anuncio da Comisión Europea informando que Goberno de España si prevé agora descender ao pecio do Villa de Pitanxo.
Concretamente, o parlamentario lucense e portavoz de Pesca do GPP, Joaquín García Díez, rexistrou unha pregunta con resposta oral para que o Executivo central aclare se decidiu iniciar as xestións para poñer en marcha un dispositivo que permita localizar o pecio do buque afundido.
Así mesmo, García Díez e o deputado galego Jaime de Olano tamén pediron unha resposta por escrito ao Goberno de Sánchez que explique os motivos deste cambio de posición e, de ser certo, o alcance concreto e programático desta decisión. Ademais, critican que aos familiares dos mariñeiros desaparecidos, que son os máis afectados e interesados, non se lles teña comunicado debidamente esta información e tivesen que coñecer a noticia pola Comisión Europea.