Partido Popular de Lugo

O PP vilalbés considera “inaudito” que “o goberno local reduza 40.000 euros en axudas a unha entidade coma o Hospital Asilo”

Vilalba, 27 de outubro de 2022. O Grupo Municipal Popular considera “inaudito” que “un goberno local reduza 40.000 euros en axudas a unha entidade como é o Hospital Asilo de Vilalba. O PP non pode apoiar os recortes nas axudas nominativas que baixaron dos 308.400 euros no pasado ano aos 278.600 neste 2022, é dicir, preto de 30.000 euros menos”. A voceira, Sandra Vázquez, condena, ademais, “a soberbia” do equipo de goberno socialista que, co seu “tomo e mando, impón” o reparto de axudas nominativas chegando ao punto de “ser incapaces de tan sequera falar coas asociacións para coñecer as súas necesidades”.

Así o expuxo no pleno que o goberno local convocou, outra vez máis, con carácter extraordinario “por non ser capaz” de levar a aprobación das nominativas deste 2022 a calquera pleno ordinario ao longo do ano.

Vázquez subliñou “as contradicións dos socialistas” considerando “hipocrisía” que “mentres a alcaldesa reclama dende o seu sillón o apoio das administracións no tempo no que máis se necesita, o goberno local recorta a atención e asistencia social do Asilo. Gustaríanos que explicara a que se debe esa diminución e se tomou represalias económicas a raíz dos cambios de estatutos da Fundación Asilo de Vilalba”.

Por outra banda, “a alcaldesa alardeaba na toma de posesión de transparencia e consenso”, pero “nin unha nin outra”. E “no ano 2011 prometían dende a oposición reunirse coas asociacións e convocar as axudas nominativas no primeiro trimestre do ano; pero nin no primeiro nin no segundo nin no terceiro”, subliñou Vázquez.

A popular lembrou que “o goberno do PP convocaba estas axudas no primeiro cuadrimestre do ano ou, como moito, no mes de maio”; pero o equipo de goberno do PSOE trae este asunto a un pleno extraordinario a finais de outubro o que supón que as asociacións non poderán cobrar ata decembro porque hai un prazo de 15 días para expoñelas ao público e outros 15 para que as asociacións beneficiarias xustifiquen os seus gastos”.

Ademais das axudas ás entidades de ámbito social, a voceira do Grupo Municipal Popular referiuse ás do ámbito cultural ás que lles agradecen, tamén ás que non aparecen no listado elaborado polo goberno socialista, “o seu gran labor”. Cren, polo tanto, que “ben merecían un esforzo por parte do Concello”. Así mesmo, a popular agradeceu aos colectivos deportivos que “levanten a bandeira de Vilalba alá onde van”.

Sen subvencións de concorrencia competitiva nin orzamentos municipais

A popular engadiu tamén que “das subvencións de concorrencia competitiva ás que se poden presentar as asociacións non sabemos nada”. E, ante a falta de explicacións, Vázquez lamentou que “a voceira socialista, a señora Marta Rouco, aproveite os plenos para dar un mitin socialista en lugar de expoñer aos grupos da oposición que representan a unha boa parte dos veciños os criterios a seguir para conceder estas axudas ás asociacións”.

Igualmente, Vázquez sinalou que “un goberno responsable, ético e formal tería os orzamentos municipais aprobadas en tempo e forma”; pero “a propia voceira socialista dixo que non serven para nada”.